Inscrición en Narón nun Contacontos sensorial dirixido a bebés e ás súas familias

A Biblioteca municipal de Narón abre na tarde deste martes 15 ás 16.00 horas, o prazo para inscribirse no Contacontos sensorial que terá lugar este sábado 19, nas citadas instalacións.

Diríxese a menores de 6 a 36 meses e as súas familias, tal e como indicou a edil responsable da área, Olga Ameneiro, e ofrecerá unha experiencia cargada de emocións a través das palabras, as cancións e os contos.

O Contacontos sensorial está deseñado para estimular os sentidos do tacto, a vista e o oído e ofrecerá ós nenos a posibilidade de explorar o mundo que os rodea dun xeito divertido e participativo. Palabras doces e cancións amenas caracterizarán este contacontos, no que tamén poderán experimentar con obxectos manipulables que estimularán a súa curiosidade, compartindo momentos de aprendizaxe entre os asistentes.

Para poder participar é preciso que os bebés teñan o carné da rede de bibliotecas públicas sen sancións pendentes e pode facerse a reserva de xeito presencial ou chamando ao número 981 382 173, no horario de apertura das instalacións.

A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dentro do programa Ler conta moito.

Lea también

BNG de Narón reclama reunión da Comisión especial de seguimento da praga das moscas no Val

O BNG de Narón reclama ao goberno municipal a convocatoria dunha reunión da Comisión especial …