O Concello de San Sadurniño pretende reducir a cantidade total de lixo xestionado, e polo tanto, acadar un menor custo no sistema de recollida e de transporte dos residuos. A cambio a veciñanza recibirá un servizo individualizado, de calidade e sen ter que se desprazar.
O plan piloto que botará a andar en setembro centrarase principalmente na parroquia de Ferreira, aínda que tamén beneficiará a parte de Naraío, San Sadurniño e Igrexafeita. Concretamente serán 18 nucleos: Raña, O Coto, A Gándara, Penavidreira, Piñeiros, Os Pontigos, Couce da Fraga, Lapas, Santiso, As Filgueiras, O Xestal, O Rosoiro, O Chao de San Cristovo, O Sumeiro, Caínce, A Picheira, O Hedreiro e Amido. Nesta primeira fase de carácter experimental participarán 50 vivendas e 150 persoas, aínda que indirectamente incidirá sobre toda a poboación local xa que se pretende mellorar o sistema de recollida de residuos e acadar así un aforro no seu custo xeral.
O obxectivo do Plan é realizar unha recollida individualizada dos residuos. Para iso repartirase un colector para os restos xenéricos e un composteiro para os orgánicos. O Concello recollerá porta a porta o lixo inorgánico. Porén, no caso da materia orgánica, serán os propios veciños e veciñas quen xestionen directamente este tipo de restos de cara a convertelos nun recurso aproveitable. Na práctica é unha volta ás técnicas de reciclaxe de antano, cando as lavaduras, mondas, restos de comida e vexetais que non comian os animais se tiraban no esterco co que despois se fertilizaba a terra.
O plan piloto complétase cunha campaña informativa -tamén casa a casa- na que persoal técnico explicará o funcionamento do sistema, como se deberá empregar o composteiro e os usos que pode ter o compost xerado. Nesta campaña realizaranse diferentes visitas para avaliar a evolución do plan. No prazo dun ano farase unha avaliación do funcionamento do plan para coñecer se é rendible desde o punto de vista ambiental, social e ambiental para implantalo noutros lugares do municipio.
Para levar a cabo este programa o Concello de San Sadurniño solicitou acollerse ás axudas provinciais convocadas recentemente para programas de investimento ambiental, que se destinarían á adquisición de 50 colectores de 240 litros e de 50 composteiros. O custe total da infraestrutura necesaria, así como o das campañas de divulgación, difusión e seguemento do proxecto está cifrado en algo máis de 14.500 euros. Cartos que San Sadurniño espera sufragar tamén coa colaboración de SOGAMA, á que xa se lle enviou desde a administración local unha solicitude formal de cooperación co plan piloto.