A Aldea de verán é unha iniciativa municipal que facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar ao tempo que contribúe á formación socioeducativas dos nenos e nenas durante as vacacións. Funciona con dous horarios, un de 8 a 14 e outro de 10 a 14 h para axeitarse ás necesidades das familias. Tempo que aos pequenos lles adoita pasar voando entre tanta cousa como fan.
Pintura de mans, xogos cooperativos, bailes, manualidades con materiais de refugallo… a mañá réndelles no patio cuberto do colexio e tamén fóra del, posto que entre as actividades tamén se contan varias excursións a algún lugar próximo e sempre orientadas á aprendizaxe. Hai tan só uns días estiveron, por exemplo, na horta de froiteiras do país e no arboreto de especies autóctonas, onde a xente da AGFA do Eume lles explicou a forma en que unha semente de froita se converte nunha planta da que volverá saír froita de novo. Mesmo tiveron a oportunidade de probar as primeiras ameixas e os primeiros pexegos deste ano.
Por outro lado, o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, contoulles de que maneira o arboreto chegará a converterse nunha auténtica fraga representativa da riqueza dos bosques galegos.
A primeira quenda da Aldea de verán rematará o xoves da semana que vén. A maioría dos nenos e nenas continuarán outro mes máis, mentres que algúns deles deixarán sitio para unha nova rolada de cativos que gozarán da segunda quenda do programa ata finais de agosto.
De cara a setembro e mentres os nenos e nenas non comecen a escola, o Concello organizará un novo espazo de conciliación. Denomínase «Setembro concilia» e ofrece entre 10 e 12 prazas con prioridade para as familias de San Sadurniño ou que traballen no municipio. O periodo de solicitude abrirá o luns 4 de agosto.