O abuso das rúas peonís

jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

burgoaAs rúas deben ser os lugares nos que os cidadáns paseen, visiten os establecementos comerciais e se relacionen cos seus amigos. De sempre, polo menos ata a invasión do automóbil, a rúa foi un espazo de convivencia, que tiña unha vida propia de olores, cores e especialmente de sons variados, desde os músicos da rúa ata os vendedores ambulantes.

Hoxe os urbanistas, baseados en certos criterios de mobilidade “sostible”, están a poñer de moda as rúas peonís, concibidas como vías comerciais e de servizo da cidade. As súas vantaxes: menor contaminación (mesmo a acústica), diminución de accidentes, maior integración social. Os seus atrancos: problemas para os comercios e hoteis, discutible estética e utilidade do mobiliario urbano, problemas de seguridade xurdidos a partir de certas horas, efecto fronteira de conxestión nas zonas adxacentes.

En primeiro lugar sofren estes problemas os propios establecementos comerciais e hoteleiros instalados nas rúas peonís ao non se permitir o paso de vehículos dos clientes dos primeiros e dos viaxeiros usuarios dos segundos. Cumpre pescudar solucións funcionais e intelixentes para este problema.

Outro aspecto problemático é a instalación do chamado mobiliario urbano nas rúas peonís, colocado de tal xeito que semella cubrir un auténtico “horror vacui”. Non está claro se estamos ante as particulares ocorrencias dos inquilinos que ocupan a Casa Consistorial ou que as rúas urbanas se converteron no laboratorio dos experimentos de urbanistas arroutados e de certas empresas “externalizadas”

Todo iso reflíctese en ocasións nun exceso de aditamentos: arboriño máis papeleira máis farol máis xardineira máis banco máis o que sexa; un auténtico horror que amola ao viandante e non engade adobío algún ao entorno. Feito que ademais de derivar nunha falla total de estética nas rúas ferrolás impide a visión plena do simétrico e ilustrado urbanismo de Ferrol, feito penoso desde o punta de vista do Patrimonio Cultural.

Outro serio problema se lle foi das mans ao Concello é o descontrolado e vergoñento abuso dos establecementos de hostalería colocando as terrazas en prazas e rúas, que enchen dunha morea de mesas, cadeiras, toldos, mamparas, parasoles e outros elementos que ocupan de xeito escandaloso case a totalidade da rúa, colocando bocois e chegando a facer churrascadas, impedindo o paso e case agredindo aos peóns, todo iso creando un escenario indesexable para a convivencia urbana. Ademais estes excesos das terrazas e do mobiliario urbano chegan a impedir o paso dos vehículos de servizos de urxencia: ambulancias, bombeiros ou policía.

Ao anterior, hai que engadir o problema das interminables obras nas rúas de Ferrol, moitas delas ao mesmo tempo, o que orixina un tormento para a necesaria circulación rodada. No Ferrol do barrio da Madalena son moitas as persoas que creen que chega dabondo con que sexan peonís os dous tramos da rúa Real, a rúa Dolores e a rúa Galiano, ademais de actuacións illadas como a rúa do Carmen e algunhas rúas de Ferrol Vello.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …