Para este domingo día 29 inscribíronse no mercado 125 postos desta vez volven ser maioría os de antigüidades e artesanía, seguidos da venda de alimentos e outros produtos transformados e dos expositores de flores e pranta.
O obxectivo do Concello á hora de organizar o Mercado Local Xusto é dinamizar a economía da zona apostando principalmente pola relación directa entre quen produce e quen consume. Ademais, ao estar aberto a todo tipo de mercadorías, o encontro é tamén o lugar ideal para que cambien de mans centos de cousas en desuso ás que sempre hai quen lles volve sacar partido. Roupa, máquinas, libros, lámpadas, adornos e pequeno mobiliario, coleccionables, xoguetes, reloxos, botellas antigas, discos, etc., no mercado hai de todo e case sempre aparece algunha boa oportunidade.
O Mercado Local Xusto deste domingo non será o último. De feito, para o 27 de xullo volverá haber outro.
No adro do convento do Rosario situaranse os produtos da terra, na parte traseira do edificio irán os viveiros de pranta, na praza a artesanía e fronte ao centro de saúde e no aparcadoiro do cemiterio situaranse os postos de artigos de segunda man.
XUNTANZA SOBRE PRODUCIÓN ECOLÓXICA
A cooperativa de consumo responsable A Xoaniña continúa co seu traballo para estruturar a produción ecolóxica da comarca. O luns 30 a partir das 7 da tarde o salón de plenos do Pazo acollerá unha xuntanza co obxectivo de crear unha asociación de produtores e produtoras que permita planificar os cultivos para axeitalos ás épocas e ás demandas do mercado, así como acceder a liñas de finanzamento oficiais.
Esta xuntanza é a segunda fase do plan emprendido pola cooperativa a primeiros de ano para incorporar máis labregos e labregas -e tamén máis superficie- ao seu proxecto de agricultura e gandaría sustentables. A Xoaniña converteuse nos últimos anos no referente para os consumidores de Ferrolterra, o Eume e Ortegal que buscan a máxima calidade e que están comprometidos coa economía local.