jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR
O Patrimonio Cultural integra unha serie de obras de interese que reflicten a historia, a vida e o traballo dos habitantes dun territorio, situando ao home diante das súas raíces sociais e culturais. Os estudios sobre o Patrimonio Cultural teñen en conta de xeito cada vez máis específico ao Patrimonio Industrial, poñendo en valor os bens máis relevantes, tanxibles e intanxibles, en materia científica e técnica.
Ferrol iniciou a súa andaina industrial no século XVIII, co gallo da nova política naval borbónica, ao crearse os Estaleiros Navais primeiro na Graña e máis tarde, de xeito definitivo, en Esteiro. Este complexo da construción naval deu un forte pulo a industrias e manufacturas da comarca como os muíños de río e de mareas, os fornos de pan, as fábricas téxtiles e de curtidos, as fábricas de lona e enxarcia e os centros de fundición e metalurxia.
Comezou así en Ferrol a pegada histórica da construción naval: o notable conxunto formado polo Arsenal Militar, os Estaleiros (as instalacións en Ferrol e Fene da actual empresa Navantia), o Museo Naval e a Exposición da Construción Naval, unha boa oportunidade para a posta en valor do Turismo Industrial. Para iso o Concello de Ferrol, en coordinación coa Armada e a empresa Navantia, creou unha Ruta da Construción Naval, unha interesante iniciativa turística aínda que manifestamente mellorable.
Cunha teórica relación co Patrimonio Industrial, entre os pasados días 17 e 20 deste mes de Xuño celebrouse en Ferrol a V edición do Congreso Europeo de Turismo Industrial, xunto coa III edición de Crossroads (quizais “rutas cruzadas” ?) de Europa. A pesares de que este presunto acontecemento cultural, desde o punto de vista da promoción turística da urbe, se anunciou como de grande interese para Ferrol, non fixo ningún aporte de interese no que atinxe ao coñecemento e difusión do propio Patrimonio Industrial da cidade e comarca.
Mentres que os participantes procedentes de diversas latitudes eran obsequiados cunha serie de curiosas visitas, entre outras, ás instalacións de Reganosa, ás praias do Concello ou ás Meninas de Canido, tiñan lugar na cidade dúas exposicións de diferente senso: unha anódina e de carácter xenérico na Fundación CaixaGalicia, mesturando diferentes facetas do turismo, e outra máis interesante e específica sobre o patrimonio industrial ferrolán na Exponav, arredor dos grandes petroleiros construídos en Astano nas décadas finais do pasado século.
Pola contra do que pasou no interesante e anterior V Congreso de Patrimonio Industrial que se celebrara en Ferrol o ano 2009, coa participación de diversos estudosos e coñecedores do noso Patrimonio Industrial, moitos deles galegos incluídos os propios ferroláns, desta rolda celebrouse na nosa cidade un Congreso “externalizado”, cun inflado Comité de Honor, un dueto de Comités tanto Organizador como Científico de xente totalmente allea a Ferrol e unha Secretaría Técnica afincada en Toledo.
Considerando as definicións estritas para Congreso (unha reunión periódica para debater cuestións previamente fixadas e intercambiar coñecementos sobre esas cuestións) e para Feira (unha reunión celebrada en instalacións públicas para a difusión e venta de produtos diversos, mesmo inmateriais como é o caso do turismo), desta rolda en Ferrol non podemos falar axeitadamente dun Congreso, se non dunha Feira de Turismo Industrial.