jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR
Está a pasar unha nova Semana Santa. Tralo seu recoñecemento a nivel internacional, deixemos que fagan a súa louvanza os seus eséxetas, prebostes e acólitos. Desta rolda falemos de Chamorro, un tema de gran interese etnográfico e costumista dentro da relixiosidade popular do pobo ferrolán.
Na aba meridional do monte dese nome, atalaia que sobrancea o val de Serantes, a cidade de Ferrol e a súa ría, érguese a ermida da Virxe da Nosa Señora do Nordés, advocación mariana de grande devoción na comarca, reputada patroa dos vales e mares de Ferrol, e lugar de celebración dun ancestral romaxe o Luns de Pascua. A ermida naceu, do mesmo xeito que outros santuarios galegos situados nos outeiros, como resultado da cristianización de vellos cultos pagáns, erguéndose sobre un grupo de penas graníticas, unha delas, segundo a tradición, unha rocha oscilante ou pedra abaladoira que quedou integrada dentro do pórtico do templo.
O seu nome, como pasa nestes casos, é obxecto de diversas lecturas. Ademais da simpática e pouco consistente lenda popular do náufrago que gritaba “cha morro” (xa morro = ya muero) e foi salvado pola Virxe do Nordés, as dúas interpretacións máis plausibles e utilizadas polos estudosos son a súa procedencia ben do latín “Clamore” (clamor,grito) ou ben do galego popular “Morro Cha” (equivalente a monte pelado).
Aínda que puidera existir algún eremitorio anterior, o sinxelo templo actual é de comezos do século XVI, con reformas posteriores, constando dunha nave de cuberta de madeira, capela maior con bóveda de cruceiría, camarín cunha pouco agraciada imaxe de vestir da Virxe e sancristía. A sacralización do lugar ven reforzada polo levantamento dun cruceiro, notable obra de formas clasicistas e calidade naturalista, feito a cabalo dos séculos XVII y XVIII, de antigüidade resaltada polos dourados liques que adobían as efixies de Cristo e a Piedade.
O monte de Chamorro é un exemplo de cristianización de antigos ritos da pedra, ao se converter nun espazo sacro pola construción dunha ermida. Estes lugares elevados son correntes en Galicia e inclúen pedras míticas, fontes milagreiras, grutas de aparición da Virxe, cruceiros y cruces de Viacrucis nos seus camiños penitenciais, nunha variada mestura de ritos profanos e devocións populares que se manifestan en forma de lendas, costumes e romaxes, todo iso sacralizado pola Igrexa co seu tradicional sincretismo.
Este luns é a festa da Virxe do Nordés. Con referencia específica ao propio templo de Chamorro cumpre denunciar outra vez máis o vergoñento anacronismo que supón o feito de que a ermida estea aberta ao culto relixioso mentres continúa a ser unha propiedade privada, chegándose ao deplorable extremo de que persoas particulares vendan e reciclen dentro da capela velas e diversos exvotos do propio culto. Como xa escribín noutra ocasión, o verdadeiro milagre da Semana Santa ferrolá sería que regresase Xesús de Nazaret para expulsar a estes mercadores que se apropiaron do templo.
P.S. Na vez de facer ridículos miradoiros no Parque Municipal Raíña Sofía, o Concello de Ferrol ten a ocasión de utilizar para iso o alto do cume do monte de Chamorro, cunha espléndida vista da cidade e a ría de Ferrol