Cada vez é maior o interese no estudo da historia local, recuperando a memoria histórica e pescudando no pasado as propias sinais de identidade, por ser o mellor indicador da evolución cultural dun pobo e unha sabia lección de futuro. Este interese plásmase nunha serie de acreditadas publicacións de localidades próximas, caso de Neda, Pontedeume, Betanzos, Ortigueira e Cedeira, que abren as súas páxinas a variados temas da arte, a cultura e a historia. Pola contra Ferrol, carece desa publicación aínda que as revistas de culto, de poesía e pintura, da Semana Santa e outras asimiladas xorden como as setas no nosa urbe.
Falando de publicacións non periódicas, nesta tarefa de recuperar a memoria histórica, cumpre a citar a recente publicación de María Xesús Arias e Henrique Sanfiz que leva o título de “Perlío no pasado”, na que, seguindo a liña seguida por outras publicacións levadas a cabo sobre diversas localidades e parroquias da Ría de Ferrol, se fai un percorrido xeográfico, histórico, artístico e mesmo industrial arredor de San Estebo de Perlío, desde as súas orixes na época castrexa ata ós nosos días, acompañando ao traballo unha notable achega documental, incluíndo unha serie de fotografías, de desigual calidade pero todas de interese, tanto de fábricas e monumentos como de personaxes do lugar.
Moitos son os temas que se tratan na publicación, referentes ao patrimonio cultural e tamén, desgraciadamente relativos a súa perda. O desaparecido castro das Pías, cuxo nome os autores adxudican as antigas pías de salgadura de peixe (ou quizais unhas pías de pedra de época moito máis antiga), as primeiras referencias escritas sobre Perlío dos séculos XI e XII en documentos do mosteiro de San Martiño de Xubia ou o retablo de estilo barroco popular da igrexa parroquial son interesantes temas que se abordan nesta obra.
Mais tamén se fai un percorrido por temas máis modernos como os exemplos de arquitectura indiana existentes nesta freguesía de Fene, as lanchas que desde Perlío, pero tamén desde Maniños e O Seixo, tiñan servizo co peirao de Curuxeiras en Ferrol, o asociacionismo e a diversión (como non, a sala Perla), as escolas desde que se levantou a primeira mixta das Chancas o ano 1909 ou as primeiras iniciativas industriais como a fábrica de fariñas levantada o século XVIII na chamada Fraga do Conde.