O Concello de Ares, a través da área de Cultura, organiza unha serie de actividades para celebrar as festas do Entroido, que terán os seus días “grandes” o domingo 2 de marzo e o mércores 5, festividade local.
O domingo 2, as actividades comezarán ás cinco da tarde, coa concentración das comparsas “Os argalleiros”, “Os colludos”, “Troupele”, “Os juasapeiros da comarca” e “Río Belelle” e das carrozas da Asociación Cultural O Tilo fronte o Centro de Saúde. Media hora máis tarde, sairá o desfile polas rúas principais de Ares cara a praza da Constitución, donde chegarán en torno ás 18.30 horas para realizar as súas actuacións. Ás oito da tarde, as comparsas amenizarán o Entroido polas rúas e establecementos do municipio.
O mércores 5, o programa de actividades iníciase as cinco da tarde, coa saída dende o parque Rosalía, das carrozas e os entroidos, que percorrerán as rúas da vila cara a praza da Constitución, acompañados pola Banda de Gaitas Ría de Ares e do Grupo de Gaitas Aresán. Unha vez chegados á praza da Constitución, sobre as seis da tarde, repartiranse chocolate quente e orellas ao prezo popular dun euro. Ás 19.30, e como todos os anos, producirase a queima dos entroidos na praia de Ares.
No caso de choiva, os actos trasladaranse ao patio cuberto do CPI Conde de Fenosa.