Non me gustaría que este artigo se convertese nunha chanza da actitude relixiosa do goberno, porque de broma non ten nada. Como un gobernante (léase neste caso Fernández Díaz) pode dicir en público que Santa Teresa está a interceder polos españois na crise? Non foi o único, lembremos que Fátima Báñez falou hai un tempo da importante contribución feita pola Virxe do Rocío “no camiño de saída da crise”. Pois nada, a virxe e Santa Teresa licenciáronse en Economía (sacaron o Grao, para os máis novos) e eu sen sabelo.
Cada día me convenzo máis de que somos un país de opereta. Ou, como mínimo, un país atrasado. Dáme igual que alguén se enfade por mor das miñas palabras. De verdade un señor pode saír na tele gabando a achega de non sei que santo na solución dunha crise económica mundial? Crise que, non o esquezamos, está a devastar o país. Non me cabe dúbida de que se agora mesmo saíse un líder iraniano pedindo a intervención de Mahoma para solucionar calquera problema que tivese ese estado, aquí sería motivo de chanza. Hai algunha diferenza? Pois si, unha moi, moi importante: nós, teoricamente, somos un país aconfesional. Cousa de matices, dirá Fernández Díaz. Pensará: “que pena estes iranianos, se adorasen o deus verdadeiro serían un gran país”. Imaxino, eh? Tampouco sei moi ben que é o que pensa o Ministro de Interior. Igual está todo o día a maxinar formas de salvar a miña alma e eu aquí criticándoo.
Hai un aniño e pico, ademais, concedéronlle á Virxe do Pilar a Gran Cruz do Mérito da Garda Civil. Mais pandeireta, máis ridículo. Terían vostedes que ler unhas hilarantes preguntas dun deputado de AMAIUR pedíndolle ao goberno, entre outras cousas, que explique se xa se ve melloría trala condecoración da citada virxe.
Xa dixen neste medio que respecto ao máximo calquera crenza relixiosa. Outra cousa é que non comparto ningunha. Teño amigos e coñecidos de case calquera relixión, maioritariamente da católica, abofé. Todos teñen dereito a profesala sen inxerencias de ninguén. Tamén deberían profesala sen recibir diñeiro do Estado, pero claro, igual entón Santa Teresa enfádase e non nos saca da crise. Cachis la mar.