Ferrol, un paso adiante (II)

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

«Parece, mar, que luchas

por encontrarte o porque yo te encuentre.»

Juan Ramón Jiménez

Na época da Ilustración os enxeñeiros e arquitectos que traballaron en Ferrol lograron una harmónica ordenación do territorio, artellando sabiamente o arsenal militar cos barrios da Magdalena, Esteiro e Ferrol Vello mediante unha alameda. Hoxe cumpre redeseñar a cidade buscando unha unión axeitada entre os barrios periféricos e o centro histórico, rompendo as barreiras artificiais creadas pola errática planificación anterior que orixinou unha cidade desordenada. A desaparición dos rexementos de Infantería e Artillería debe propiciar un intelixente deseño do amplo solo dispoñible en Sánchez de Aguilera para equilibrados usos comercias, residenciais e de ocio, mesmo zonas verdes, de xeito tal que se consiga esa apropiada transición entre o centro da cidade e o barrio do Ensanche.

murallasFerrol nunca tivo a súa fachada marítima dispoñible para uso cidadán. Percorrendo a ribeira no amplo espazo existente entre las enseadas de Caranza e A Malata tropézase coas murallas das instalacións da empresa Navantia e da Armada e coas reixas que pechan o Porto de Ferrol, impedindo a vista, uso e aproveitamento deses espazos, coa excepción do pequeno sector do peirao de Curuxeiras. Mentres non se chegue a unha axeitada solución da permeabilidade das respectivas murallas do Arsenal e de Navantia, débese pensar no futuro uso do espazo que deixarán libre as instalacións portuarias cando se poña en servizo o Porto Exterior, sempre tendo en conta o especial coidado que hai que ter cando un casco histórico se pon en contacto cun fronte marítimo. Dese xeito Ferrol podería deixar de ser unha cidade simplemente costeira e transformarse nunha urbe verdadeiramente aberta ao mar.

Hoxe Ferrol atópase mergullado noutra das súas periódicas crises, que nesta ocasión semella da maior intensidade. Cunha alta taxa de paro, en especial entre a mocidade, perdéronse varios milleiros de empregos nos últimos anos; os estaleiros, cada vez menos competitivos, non teñen carga de traballo e non chegan a concretarse novos contratos; segue sen definirse a utilización das instalacións baldeiras de Astano; non se logra a necesaria diversificación industrial. A cidade continúa a perder poboación e se afonda o comercio do centro histórico, con numerosos locais pechados. Practicamente desaparecida a Cámara de Comercio e a FIMO, tanto as asociacións empresariais e comerciais, como os axentes sociais, incluíndo as asociacións veciñais e culturais, semella que están paralizadas.

Nesta Cidade Ensimesmada parece que xa non interesa nin tan sequera loitar polo galardón do Patrimonio da Humanidade. Ferrol semella que non levanta a cabeza, gastando os cartos en obras non entendibles como as da Praza de España e do Parque Municipal, mentres Canido sofre un continuo pesadelo de obras, Ferrol Vello segue cada vez máis estragado, e na Magdalena continúa o desleixo das vivendas e rúas, mentres soporta unha peonalización absurda. Desde o punto de vista da cultura, a Universidade ferrolá segue sen folgos, desnortada e afastada da cidade, e o Concello non é quen de por en marcha un Museo da cidade, nin un Centro de Estudos Locais coa correspondente Revista.

CASTILLO-DE-SAN-FELIPENeste intre poucos temas ofrecen un aspecto positivo. O Porto Exterior semella unha interesante aposta de futuro, aínda que non está claro o tema da conexión por ferrocarril. O Turismo podería ser unha das saídas da crise, potenciando as praias e os recursos naturais da cidade. A declaración de interese internacional para a Semana Santa é unha boa noticia, aínda que puntual. Unha Ruta da Construción Naval ben impulsada, cunha axeitada posta en valor da Exposición da Construción Naval e do Museo Naval ten moitas posibilidades. Desgraciadamente o previsto Congreso de Turismo Industrial, polo que se anuncia, semella que vai a ser unha ocasión perdida para a promoción da cidade. Debería darse un forte pulo á Ruta do Modernismo. Unha apropiada política de utilización cultural do esquecido e descoidado Castelo de San Felipe sería tamén unha baza importante neste senso.

Dun xeito global e resumido, hai que dicir que para erguer Ferrol xa non chega cunha recondución ou cunha renovación da cidade. Neste escenario é realmente necesario abandonar o monocultivo industrial e deixar de depender do cambiante e indecente poder político, mentres se procede a unha refundación de Ferrol, pescudando novos camiños cara ao futuro coa participación activa de tódolos sectores e axentes sociais da cidade.

 

 

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …