Este mércores, día 16, se conmemora o Día mundial da Alimentación, polo que o Grupo Municipal Socialista ven de lembrar a finalidade do devandito día, proclamado en 1979 pola Conferencia da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), que é a de concienciar ás poboacións sobre o problema alimentario mundial e fortalecer a solidariedade na loita contra o fame, a desnutrición e a pobreza. Así, en 1980, a Asemblea Xeral respaldou a observancia do Día por considerar que «a alimentación é un requisito para a supervivencia e o benestar da humanidade e unha necesidade humana fundamental».
Lamentablemente, esta loita contra a fame e a pobreza está na portada da axenda política do Grupo Municipal Socialista, xa que na nosa cidade son cada vez máis as familias que teñen dificultades para cubrir as súas necesidades básicas e, entre elas, a alimentación. Os socialistas entenden que o tema é moi urxente, e lamentan a lentitude do goberno local en poñer en marcha o banco de alimentos municipal.
“Instamos, por tanto, a imprimir axilidade neste tema tan prioritario para nós, que tamén debería selo para o goberno local, pedindo ademais, como xa fixemos no 2012, que se promova un gran acordo para garantir un aproveitamento eficiente dos alimentos evitando a súa destrución sistemática”.
Segundo a FAO, cada ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida, cifra que equivale á produción alimentaria de todo o África Subsahariana. Sen irnos tan lonxe, en España, así como no noso país, é alarmante a cantidade total de comida que remata no lixo. Anualmente en Galicia son 242 toneladas as que se tiran , o que equivalería a 62 quilos por persoa, tendo a nosa Comunidade unha das taxas máis baixas nun correcto aproveitamento dos alimentos.
A este respecto, pediron que se promovan acordos ou se firmen convenios coas grandes cadeas alimentarias ou grandes produtores, para garantir un aproveitamento eficiente dos alimentos, evitando a súa destrución sistemática.
Destacan ademais a labor das entidades sociais da comarca, que traballan para cubrir as necesidades básicas das familias, e que se desprazan varias veces ao ano á cidade de A Coruña, ao Banco de alimentos Rías Altas, de carácter provincial, para recoller toneladas de alimentos para as familias. Así, lembran que algunhas das cales tamén solicitaron a creación deste banco.
Hemeroteca
O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ferrol, lembra que no mes de outubro do ano 2012 presentou ao Pleno da Corporación Municipal unha moción sobre o fortalecemento do banco de alimentos, o mantemento do programa europeo de axuda alimentaria ás persoas máis necesitadas, e a implementación de medidas contra a pobreza e a exclusión social.
Así mesmo o Grupo Municipal Socialista fixo unha emenda aos orzamentos do ano 2013 solicitando a creación dun banco de alimentos municipal en Ferrol, emenda que foi rexeitada polo Goberno local do Partido Popular inicialmente, e da que logo quixeron facer súa, anunciando fai meses unhas obras que non se fixeron.