Un ano máis o concello de Ferrol celebrou o «Día de Galicia» nun acto que tivo lugar ás 19.30 horas deste mércores, día 24, na praza do Himno Galego.
Acudiron o alcalde e voceiros de todolos grupos municipais que ofrendaron unha prancha floral , simbolizando a bandeira galega, ante o monumento a Xosé Fontenla Leal.
O alcalde, José Manuel Rey Varela pronunciou as verbas institucionais nas que sinalou que «Estamos na véspera do Día Grande de Galicia. O 25 de Xullo, Día do Apóstolo Santiago, os bos e xenerosos celebramos e ensalzamos o que somos, o que nos une e enriquece como Comunidade, como Pobo.
A Corporación Municipal de Ferrol, como representantes electos dos veciños e veciñas, acompañados de autoridades da cidade e de membros do seu tecido asociativo, xuntámonos un ano máis nesta Praza do Himno Galego ao carón do monumento erixido en memoria de Xosé Fontenla Leal, ilustre ferrolán falecido en 1910 na Habana.
Xosé Fontenla Leal
O ano do falecemento de Fontenla Leal parece que foi unha premonición do destino, Posto que a ese mesmo ano se remontan as orixes da celebración do Día de Galicia. Foi tamén en 1919 cando a Asemblea das Irmandades da Fala se reúne en Santiago de Compostela e decide celebrar o Día de Galicia o 25 de xullo.
A ben seguro que Xosé Fontenla Leal estaría gozoso deste acordo das Irmandades da Fala: festexar o Día de Galicia. Unha conmemoración que o Goberno Galego institucionaliza en 1979 como Día Nacional de Galicia.
Dicía que Fontenla Leal estaría gozoso de que Galicia teña o seu día oficial porque El foi un galeguista convencido; impulsor da Real Academia Galega e peza indispensable na elaboración da composición emblemática da que se ten dotado a nosa Comunidade, que nos identifica como tal e nos une: o Himno de Galicia.
Do destacado papel de Fontenla Leal na confección do noso Himno da boa conta a intensa relación epistolar que mantivo co poeta Eduardo Pondal e co músico Pacual Veiga, instándoos para que lle enviasen a letra e a música do himno, promovendo así a composición que foi estreada na Habana o 20 de decembro do ano 1907.
Nós, case un século despois de que así o decidisen as Irmandades da Fala, seguimos conmemorando o Día de Galicia. Facémolo aquí, diante deste monumento co que a cidade honra a Xosé Fontenla Leal, un fillo de Ferrol que como tanto outros veciños e veciñas ilustres, ten deixado a súa pegada na historia de Galicia.
Sirva este acto, pois, de homenaxe a Fontenla Leal e a tantos outros galeguistas que teñen contribuído co seu traballo e co seu esforzo ao engrandecemento de Galicia.
Galeguismo que suma
“Quen quere á parte, moito máis quere ao todo”, deixou escrito Xosé Fontenla Leal no Manifesto que a “Unión Redencionista Gallega”, organización da que formou parte activa, dirixiu aos sus coetáneos o 27 de abril de 1911; fechado na Habana.
Estas palabras retoman hoxe brío e reafirmanos no noso Galeguismo. Un galeguismo que suma; que defende a covivencia; un Galeguismo aberto. En definitiva, un Galeguismo integrador e plural no que collen todos os bos e xenerosos, incluso con independencia do seu lugar de orixe.
Un Galeguismo que cre firmemente na colaboración institucional para avanzar, para medrar. Porque non se lle poden poñer barreiras ao campo; porque a Galicia que queremos non coñece de límites fronteirizos; porque a Galicia que soñaron os nosos antergos e soñamos nos é unha Galicia Universal.
Ferrol
Mañá é un día moi importante para Galicia e para todas as persoas que queremos esta terra, vivamos nela ou se atopen fóra. Mañá é un día para reafirmar o noso compromiso con Galicia e con Ferrol.
Non son tempos doados. Máis ben vivimos momentos de preocupación. Son días de preocupación polos anos de abandono nos que teñen deixado o noso sector naval. Neste contexto de dificultade o que ten que primar é a unión de todos para que todas as nosas demandas encontren resposta en Madrid e en Bruxelas. Son tempos de traballar conxuntamente e dende o respecto institucional en todos os campos.
Porque o futuro de Ferrol depende, en gran medida, da nosa capacidade de aglutinar esforzos. Permitídeme que faga aquí uso das palabras de Alfonso Rodríguez Castelao, outro galego universal: “O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades, e as ideas en feitos”
Pois niso estamos. O empeño deste alcalde e de toda a Corporación Municipal é que saian adiante os grandes temas de cidade.
Viva Galicia !!!Viva Ferrol !!! Moitas grazas».
Rematou o acto coa interpretación do Himno galego a cargo do decano dos coros galegos , o Real Coro «Toxos e Froles».