O monumento «Día da Patria Galega», no parque do Río Cádavo, acolleu na tarde deste xoves, día 18, a lectura da declaración institucional a cargo do xornalista fenés Nicolás Vidal como remate dos actos do «Día Nacional de Galicia».
O Alcalde de Fene, Gumersindo P. Galego Feal, abreu o acto sinalando que o Concello de Fene, ao igual que a Xunta de Galicia, o Parlamento Galego e outras institucións conmemoran o «Día Nacional de Galicia» con diferentes actividades e declaracións institucionais.
Proseguiu a súa intervención sinalando que «dende hai 15 anos o Concello de Fene propónlle a unha persoa relevante da cultura galega a elaboración da declaración institucional. Este ano a persoa escollida foi un veciño do noso Concello, o xornalista e escritor Nicolás Vidal».
A língua eo país son de todos
Nicolás Vidal principiou a súa intervención «expresando o seu cariño ao Concello de Fene por pensar que as súas palabras poderían ser de interese ou ter algún valor cívico. Quizais sexan uns optimistas pero lles agradezo o xesto porque un non sempre verbaliza as súas reflexións e as saca a pasear. Esta oportunidade é un estímulo para facelo. Supoño que axuda o feito de que moi preto de aquí vivían os meus avós e o meu pai, quen formou parte activa da corporación municipal en tempos ben sacrificados«.
Rematou a declaración, que tivo a lingua como fío condutor, subliñando “a lingua e o país son de todos e ninguén sobra. Pero a todos toca protexela, querela e usala. Hoxe e mañá”.
Logo da interpretación do himno galego a cargo do Coro Infantil-Xuvenil da SCRD Agarimo de Sillobre e da ofrenda floral no propio Monumento os actos trasladáronse á Praza do Concello onde tivo lugar o VIII Festival de Habaneiras coa participación das corais polifónicas de San Valentín, Eterna Xuventude e ACRD O Pote de Maniños e as Rondallas Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e Perla do Río, do CCRD de Perlío.