A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado, informou da nova proposta expositiva que se poderá ver no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB): “Esta canción me la encontré tirada”, cuxa inauguración terá lugar este venres, día 19, ás 20:00 horas. A mostra toma o seu nome dunha das letras do grupo galego Triángulo de Amor Bizarro, que xunto a The Telephone Rouges Fluzo, Novedades Carminha, Disco Las Palmeras!, ou os ferroláns Carrero Bianco, Bang 74, Quant ou Los Huéspedes Felices son algúns dos grupos instigadores do que poderíamos pensar como unha nova época dourada da música en Galicia. Tralo acto inaugural, será presentado un documental inédito sobre a música independente en Galicia.
Esta canción me la encontré tirada propón recoller a idea de como multitude de grupos musicais, con estilos que van do pop indie, al hip-hop, a electrónica, o punk ou o power pop, entre outros, están conseguindo gran repercusión dentro e fora das nosas fronteiras. A exposición suscita un análise de como a escena musical busca rodearse doutros actores culturais, prestando atención as contribucións que as súas colaboracións están xerando ao campo do deseño gráfico (portadas de discos, carteis, fanzines, flyers), ao universo dos blogs e ao audiovisual, incidindo na riqueza cultural que está a xurdir ao compás deste novo movemento musical independente. Todo o relacionado coas novas correntes musicais ten cabida polo seu interese creativo, non soamente no plano musical, senón sobre todo pola produción de imaxe que se xera ao seu arredor.
Unido a un proxecto editorial
Este proxecto expositivo, comisariado por Mónica Maneiro, está unido a un proxecto editorial con carácter divulgativo e recompilatorio que presenta, con gran calidade gráfica, unha serie de fichas técnicas, letras de cancións, fotografías e todo o traballo de autoedición e produción compartida que rodea o singular universo creativo de cada grupo. O libro recolle textos introdutorios do ferrolán Fernando Fernández Rego, colaborador da revista Mondosonoro e autor de libros como “50 anos de Pop e Rock”, “Malditismo na Música Galega” e “Galicia en Clips”; e de Xavier Valiño, editor de Ultrasónica. A publicación con carácter divulgativo e recompilatorio, pretende á vez entender e presentar con gran calidade gráfica o traballo de autoedición e produción compartida dos integrantes deste proxecto.