O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia , clausurou este xoves, día 13, en Pontedeume a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que estivo exposta na Casa da Cultura eumesa desde primeiros de mes no marco da itinerancia que está a ter nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
No acto participaron tamén o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leira; o rexedor eumés, Gabriel Torrente Piñeiro; a concelleira de Cultura e Ensino, Ascensión M.ª de Vicente Olarte, e a técnica de normalización lingüística, Esther Leira.
Presenza de Neira Vilas
O peche contou coa presenza do escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas, quen lle ofreceu aos asistentes unha pequena visita guiada pola mostra cunha detallada explicación sobre os elementos, pezas artísticas e textos que se poden ver nela.
Posteriormente, tivo lugar o xa habitual encontro de Neira Vilas con escolares da localidade, ao que asistiu a rapazada que cursa estudos do último ciclo de primaria nos CEIP Couceiro Freijomil e Plurilingüe de Andrade, así como estudantado de secundaria dos IES Breamo e Fraga do Eume e mais do Colexio A Grande Obra de Atocha, acompañados de mestres, profesores e integrantes dos seus respectivos equipos de dinamización da lingua galega.
Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador
“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia «Memorias dun neno labrego» -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.
A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de «Memorias dun neno labrego», concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a «Carta a Balbino» que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.
Achegarlle as letras galegas á cidadanía
A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de «Memorias dun neno labrego«, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés).
Desde primeiros de xuño púidose visitar en Pontedeume, tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes e Fisterra. A partir do mes de setembro a mostra retomará a súa itinerancia por localidades pertencentes á RDL.