Parece, se botamos unha ollada ás últimas enquisas, que o bipartidismo PP-PSOE en España está chegando á súa fin. Polo que se ve nas análises de distintos medios, ambos partidos sufrirían unha caída importante e xurdirían con forza as súas alternativas nos extremos, é dicir, UPyD e, sobre todo, Izquierda Unida, que chegaría practicamente a consumar o sorpasso ao PSOE.
Aínda queda moito para as eleccións, claro está, pero polo que parece esa mesma tendencia maniféstase tamén nas eleccións á Xunta de Galicia, onde habería unha subida espectacular da AGE, quedando practicamente á altura do PSOE.
Cando escribo estas liñas cúmprense dous anos do movemento do 15M, repudiado por uns (por “radical”) e considerado por outros (entre os que me inclúo) como insuficiente. Mais iso non pode servir para esquecernos dos motivos que o levaron a xurdir: o fastío da xuventude (e non só dela) cos dirixentes políticos do país e cunha democracia recortada e moi pouco directa. Mentres que para o PP semellaba ser unha especie de soviet promovido polos socialistas (curiosamente, aínda no poder naquel momento), Beatriz Talegón (presidenta das Xuventudes Socialistas Europeas) acaba de expresar nos medios a súa convicción de que detrás deste movemento indignado está a dereita. Logo viuse obrigada a rectificar, claro.
Pero centrémonos hoxe nos socialistas, que teoricamente, deberían ir no mesmo barco que o resto da esquerda do país. Seguramente eles se estrañen da súa tremenda baixada de popularidade, cun Rubalcaba ao que ninguén ve como líder de nada e cuns dirixentes tolos por facer un pacto de Estado (en realidade, unha boa maneira de perpetuar o bipartidismo). Vemos tamén a Jáuregui explicando “ás masas” que non hai outra alternativa posible máis á esquerda. De verdade con eses argumentos pensan chegar a algunha parte? Moito me temo que xa decidiron internamente a súa estratexia futura e, no lugar de propiciar un pacto de esquerdas (o máis intelixente, polo menos, para eles) van propiciar un gran “pacto” que traspase ideoloxías, ao estilo do que en Grecia deixou fóra de xogo a Siryza. Facendo iso, traizoarán a unha importante parte do seu electorado. Aínda teñen tempo a cambiar o rumbo mais temo que iso é moito pedir.