A Casa Consistorial de Ferrol volveu a abrir as súas portas a un centro educativo da cidade. Nesta ocasión, foi un grupo de 46 alumnos e alumnas de segundo curso de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Recimil o que visitou as dependencias municipais.
A concelleira de Educación e tenente de Alcaldía, Susana Martínez Galdós, recibiu aos estudantes no Salón de Recepcións do Consistorial, un dos espazos nobres situado na primeira planta. A edil explicoulles brevemente a historia do edificio e para que serve e como funciona o Concello de Ferrol, facendo fincapé en que é a administración á que primeiro deben acudir cando teñen que realizar algunha xestión ou resolver calquera problema. Ademais os nenos e nenas puideron saír ao balcón do Pazo Municipal.
Tras facer unha parada na sala de Alcaldes visitaron o Salón de Plenos, onde os alumnos e alumnas do CEIP Recimil puideron experimentar o que se sente ao ser concelleiro da túa cidade ocupando as butacas do hemiciclo. Neste foro de debate, a edil de Educación explicoulles o funcionamento do Concello e respondeu a varias preguntas formuladas polos escolares: dende cantos habitantes ten a cidade ata onde se senta mentres debaten nos plenos. Nese momento, incorporouse á visita o alcalde, Jose Manuel Rey Varela, ao que fixeron numerosas preguntas entre as que destacan se era un bo estudante ou cales eran as súas función como alcalde. “Con esforzo, dedicación e traballo poderedes acadar o que queirades” dixo. Ademais, Rey Varela convidounos a regresar pronto para realizar unha sesión plenaria escolar e así converterse por un día en concelleiros.
A actividade que se enmarca no programa de visitas guiadas para escolares que leva a cabo o Concello de Ferrol ten a finalidade de achegar a institución municipal ás xeracións máis novas. Ademais, as mestras que acompañaron aos estudantes na visita sinalaron que a visita complementa o traballo que están levando a cabo na materia de “Coñecemento do Medio”. Finalmente, o grupo de alumnos e alumas recibiron de agasallo cadanseu conto “Xoa”, de Antonio Yáñez Casal; e para as tres docentes que os acompañaron tres exemplares do libro editado polo Concello: “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos”.