Habemus Papam

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Vaia por diante que non son católico nin creo en ningún deus coñecido. Porén, é inevitable que seguira con certo interese o último conclave, no que se elixiu a Francisco como novo Papa. Fun educado nun colexio católico co cal non teño o menor problema para seguir todo o proceso. Por que –preguntarán vostedes- seguín entón o asunto tan de cerca se non pertenzo a esa relixión? A resposta é ben simple: a Igrexa Católica segue a ter tanto poder na sociedade actual (e na española especialmente) que, ao final, me afecta case igual que a un católico a elección do papa.

Teño que dicir tamén que (aínda que máis dun non o crea) estou completamente a favor de que cada quen teña a relixión que lle pareza, crea en Deus, Alá ou Batman, e que un goberno non debe nunca prohibir as crenzas de ninguén, mentres non afecten negativamente ao resto do país. Creo no respecto, tanto meu cara as súas crenzas como o deles cara a miña ausencia de fe.

Non teño suficientes datos para xulgar a Francisco . Dou por sentado que, debido ás dubidosas maneiras do seu antecesor (participación nas Xuventudes Hitlerianas incluída) moita xente considerará a este papa unha mellor opción. Parece ter tamén certo pasado turbio relacionado coa ditadura de Videla, aínda que xente como Pérez Esquivel desminte tales acusacións. Fagámoslle caso polo momento, entón.

Non o ten fácil, pero se quere recuperar a credibilidade perdida da relixión católica vai ter que facer algo máis que encargar un “anel do pescador” de prata en lugar de ouro. Non creo que comece tampouco moi ben despois da difusión das súas opinións sobre o matrimonio homosexual (non deben existir gays católicos, debe ser) e sobre a importancia da muller na política (tampouco mulleres católicas). A ver que nos depara o seu papado, que comezou dicindo que prefire unha “igrexa de pobres para os pobres”. Non debería ser tan difícil de conseguir.

Iso si. É repugnante ver nos medios como tratan ao conclave coma se fora o maior evento democrático do mundo. Democrático? Cento quince cardeais elixindo ao seu líder, representando (pola graza de Deus) a todo o mundo católico? Por non mencionar que, evidentemente, só son homes. Iso da igualdade de sexos non llo trouxo a pombiña do Espírito Santo aínda. En fin. Agardemos que este papa faga o que ten que facer: dirixir aos crentes da fe católica e non inmiscirse nas institucións políticas, que deben ser, sempre, aconfesionais. Igual é moito pedir.

 

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …