O Concello de Ferrol porá en marcha esta semana un novo órgano de participación, o Consello da Veciñanza, que se atopa recollido no Regulamento de Participación Cidadá aprobado no mandato pasado coa unanimidade do Pleno e que o actual goberno municipal está a desenvolver. O edil responsable da área, Jose Manuel Vilariño Anca, lembrou que a Administración ferrolá ten convocada a sesión constitutiva do Consello da Veciñanza para o martes día 5 de marzo.
O encontro terá lugar ás 19.30 horas no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, situado no primeiro andar; e trala constitución deste Consello celebrarse, no mesmo lugar, a súa primeira reunión –fixada para as 20.00 horas en primeira convocatoria; e para as 20.30 horas, en segunda-. A orde do día desta reunión é: como primeiro punto darase información sobre o procedemento e prazo de elaboración e aprobación do regulamento interno de funcionamento do Consello da Veciñanza; no segundo punto da orde do día contémplase o de informar sobre a implantación e mellora de ferramentas que fomentan a participación cidadá. E, no terceiro punto, abrirase unha rolda de intervencións.
O edil Vilariño Anca sinalou que o Consello da Veciñanza “é un órgano de encontro e coordinación do resto dos órganos de participación veciñal do municipio”. Forman parte do mesmo o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, que ostenta a Presidencia; o concelleiro de Participación, en calidade de vicepresidente; un representante por cada grupo político membro da Corporación Municipal; dous representantes de cada Asemblea de Barrio; un representante de cada Consello Sectorial;. A Secretaría do Consello correspóndelle a un traballador/a municipal, sen voz nin voto.
Competencias do Consello da Veciñanza
No que atinxe as funcións do Consello da Veciñanza, o titular de Participación apuntou que estas son: Intercambiar información sobre o funcionamento dos Consellos Sectorias e as Asembleas de Barrio, entre outros órganos de participación; elaborar propostas de coordinación entre os órganos de participación; presentar suxestións ao Concello para a mellora dos mecanismos de participación cidadá e para a aplicación de políticas e actuacións municipais integrais ou promover a colaboración entre as entidades cidadás do municipio.