Fronte Ampla chama as mulleres a frear a dereita nas urnas, reclama medidas urxentes contra a especulación inmobiliaria e esixe repartir mellor a riqueza con investimentos reais para Navantia e as infraestruturas de Ferrol.

Fronte Ampla celebrou este sábado o mediodía un acto en Ferrol, berce da memoria da loita da clase obreira galega, no que participaron Verónica Barbero, Paulo Carlos López, Rocío Núñez, Xosé Lois Piñeiro, Malay Sobrín e Jorge Suárez. A formación situou o feminisom, a emerxencia habitacional e a necesidade dunha esquerda con “ideas e valentía” no centro da axenda para frear a dereita.
Verónica Barbero conectou a crise da vivenda co feminismo, subliñando que garantir un fogar “é unha cuestión de dereitos, pero tamén de liberdade e de protección”. Esixiu responsabilidades ao Goberno central pola falta de avances, chegando a pedir a dimisión da ministra e defendendo “plantarnos no Consello de Ministros e non saír ata que se aprobe a prórroga dos alugueiros”. Ademais, lembrou que a Constitución ampara intervir no mercado: “Se nos falan de expropiación para facer autoestradas, nós tamén podemos facelo cos fondos voitre”, engadindo un recordo emotivo para Maricarmen.
Pola súa banda, Paulo Carlos López acusou o PP de votar contra a clase traballadora e advertiu de que non abonda con construír como na burbulla inmobiliaria, senón que cómpre vivenda pública e medidas urxentes. Entre as propostas de Fronte Ampla destacou a prórroga obrigatoria dos alugueiros, a súa indexación ao SMI, a expropiación aos fondos voitre, o control dos pisos turísticos—aclarando que “nós non estamos en contra do turismo, senón de que se expulse a clase traballadora dos seus barrios”— e o tope de prezos ás residencias universitarias privadas para evitar custos de 1.200 euros ao mes.
A poucas xornadas do 25N, Barbero alertou tamén sobre o negacionismo machista reivindicando a memoria democrática desde Ferrol e lembrando a crueldade do Patronato de Protección á Muller. Por iso, fixo un chamamento á mobilización das mulleres nas urnas: “As mulleres deste país temos un poder de voto que vale dobre”, explicou.
Neste sentido, Barbero denunciou as intencións do líder do Partido Popular de suprimir o Ministerio de Igualdade, advertindo de que para Alberto Núñez Feijóo os dereitos das mulleres son unha simple “moeda de cambio”. Por iso, apelou directamente ao voto das mulleres, que xa foi decisivo nos comicios xerais anteriores: “Igual que fixemos o 23 de xullo de 2023, as mulleres imos ser as que deixen fóra a dereita e a extrema dereita. Chamo a todas esas mulleres que votaron a Sumar en 2023 a que voten a Fronte Ampla en Galicia, porque temos que seguir empuxando polos nosos dereitos e deixar fóra a Feijóo e a Abascal da Moncloa”.
Finalmente, o mitin reivindicou o compromiso con Ferrolterra deixando claro que estas eleccións van de repartir mellor a riqueza para que o futuro industrial de Navantia se traduza en benestar para a veciñanza. Fronte Ampla advertiu de que se non está nas institucións ninguén desbloqueará demandas históricas como a modernización ferroviaria ou o novo dique para o estaleiro, e puxo sobre a mesa unha farmacéutica pública fronte ao colapso sanitario, a descentralización administrativa e a creación en Ferrol do Museo de Dereitos Nacionais e Sociais.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.