A competición comezará ás 08.00 horas coas verificacións e prolongarase durante toda a xornada, coa entrega de premios prevista para as 21.30h no Pavillón da Xunqueira.

Fene converterase este sábado nun dos principais puntos de atención do automobilismo galego coa celebración do XXII Slalom Scratch Fene, unha proba que reunirá 94 pilotos inscritos, igualando o récord histórico de participación no Campionato Galego acadado na edición do pasado ano.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; a concelleira de Deportes, Alba García; e o concelleiro de Servizos, Adán Chao, participaron na presentación da proba xunto con membros da Escudería Scratch Fene, organizadora dunha cita que volverá reunir no municipio a pilotos procedentes de diferentes puntos de Galiza.
A edición deste ano chega, ademais, co aliciente de que o Campionato Galego absoluto permanece por decidir. Tres pilotos afrontarán a proba de Fene con opcións ao título. Trátase de Pablo Castro e Aitor Fornos, de As Pontes Motorsport, que comparten un Citroën AX Sport, e Iván Picallo, da Escudería Moeche, ao volante dun Citroën Saxo.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou “a dimensión que acadou unha proba que chega xa á súa vixésimo segunda edición e que volve reunir 94 participantes, igualando a maior cifra rexistrada no campionato”.
Permuy incidiu especialmente na organización necesaria para desenvolver unha xornada destas características. “Unha competición que se prolonga durante tantas horas e cun número tan elevado de participantes require planificación e coordinación. Desde o Concello colaboramos nos aspectos necesarios para o desenvolvemento da proba e agradecemos tamén a colaboración das persoas que deberán atender as indicacións da organización durante a xornada”, sinalou.
O título galego, en xogo en Fene
O XXII Slalom Scratch Fene será decisivo para coñecer o nome do campión galego absoluto, cunha loita a tres bandas entre Castro, Fornos e Picallo que engadirá emoción ás mangas oficiais da tarde.
Pero a competición non se limitará á clasificación absoluta. Entre os 94 participantes figuran 38 pilotos con vehículos de serie, unha agrupación na que tamén permanece aberto o título entre Diego Grandal, de As Pontes Motorsport, e Iván Penabad, da Escudería Scratch Fene.
A concelleira de deportes, Alba García, destacou precisamente “a variedade que presenta a participación desta edición, con diferentes agrupacións e trofeos que permiten competir a pilotos con perfís, idades, experiencia e vehículos moi distintos”.
“Temos unha inscrición moi elevada, pero tamén unha participación moi diversa, desde pilotos que están disputando o Campionato Galego absoluto ata debutantes, juniors, veteranos ou vehículos históricos. Esa diversidade permite que ao longo de toda a xornada haxa diferentes clasificacións en xogo”, explicou.
Sete trofeos especiais
A proba contará ademais con sete trofeos especiais, que incrementarán o número de clasificacións en disputa durante la jornada. No Trofeo Feminino competirán seis pilotas, mentres que o Trofeo Júnior contará con 15 participantes. Outros 12 pilotos competirán na categoría de veteranos e 17 farano no trofeo reservado a debutantes.
A presenza dos vehículos clásicos terá tamén un apartado propio, con 12 vehículos inscritos no Trofeo de Históricos.
A Escudería Scratch Fene contará igualmente con clasificacións específicas para os seus participantes, con 16 pilotos optando aos dous trofeos reservados á propia escudería. A programación deportiva completarase cunha clasificación por tipo de vehículo, na que serán recoñecidos os tres primeiros clasificados.
Desde Scratch Fene, Edgar Vigo destacou que “chegar novamente aos 94 inscritos e igualar o récord do ano pasado é unha cifra moi importante para nós, pero tamén o é facelo cunha proba na que hai tantas clasificacións abertas e tantos pilotos xogándose obxectivos diferentes”.
“Chegamos a Fene co Campionato Galego absoluto por decidir entre tres pilotos e tamén coa loita aberta entre os coches de serie. A iso súmanse os sete trofeos especiais, polo que desde as primeiras mangas de adestramentos ata as últimas oficiais vai haber moito en xogo”, explicou Vigo.

Unha xornada de competición desde as 8.00 horas
A actividade comezará cedo. A partir das 8.00 horas realizaranse as verificacións administrativas e técnicas dos participantes e dos vehículos. Unha vez completadas e celebrado o correspondente briefing cos pilotos, ás 10.15 horas está prevista a saída do primeiro participante na primeira manga de adestramentos.
A competición continuará durante a mañá antes de dar paso, xa pola tarde, ás mangas que decidirán as clasificacións. Ás 15.30 horas está programada a saída do primeiro vehículo na primeira manga oficial.
A actividade deportiva prolongarase ata a noite. Segundo o horario previsto pola organización, arredor das 21.00 horas publicarase a clasificación xeral oficial, unha vez completadas as mangas e os correspondentes procedementos deportivos.
A xornada rematará sobre as 21.30 horas no Pavillón da Xunqueira, onde terá lugar a entrega de premios aos vencedores das diferentes clasificacións e trofeos.
Edgar Vigo incidiu en que “será unha xornada moi longa, que comezará coas verificacións ás oito da mañá e non rematará ata a entrega de premios. O obxectivo da organización é cumprir os horarios previstos e que tanto participantes como público poidan gozar dunha última cita do campionato con moitas cousas aínda por decidir”.
Alba García lembrou, pola súa banda, a importancia de que o público siga “en todo momento as indicacións da organización e respecte as zonas habilitadas para presenciar a competición, xa que nunha proba automobilística a seguridade de participantes, persoal organizador e espectadores debe ser sempre prioritaria”.
Con 94 pilotos inscritos e o Campionato Galego absoluto aínda aberto, o XXII Slalom Scratch Fene afrontará este sábado unha das edicións con maior participación da súa historia e unha xornada decisiva para pechar as diferentes clasificacións da temporada.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.