Dende o Concello e a Asociación Cultural Musical Sementeira animan á cidadanía a colaborar, nesta ocasión, co Centro de Recursos Solidarios de Narón.
O Auditorio municipal, na Praza de Galicia, acollerá o sábado 21 pola tarde, a partir das 18:00 horas, un concerto solidario de Santa Icía impulsado dende a Asociación Cultural Musical Sementeira, en colaboración do Padroado da Cultura de Narón. As entradas, cun prezo de cinco euros, poderán adquirirse no propio auditorio a partir das 17:00 horas e a recadación destinarase ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
Neste encontro musical participarán a Banda Infantil Sementeira e a Xove Banda de Narón, cunha gran traxectoria na cidade, que interpretarán un amplo e variado repertorio. Trátase dun concerto que se celebra nás vésperas dun día moi importante, o de Santa Icía, patroa da música e dos músicos. Este é o segundo ano que se organiza dende a citada asociación cultural musical un concerto solidario co Centro de Recursos Solidarios de Narón, co fin de colaborar con eles para que poidan continuar atendendo ás familias que máis o precisan.
Dende o Concello e a Asociación Cultural Musical Sementeira animaron á cidadanía a acudir a esta cita, co fin de poder colaborar entre todas e todos nunha boa causa e, ao tempo, desfrutar da música dos integrantes ranto da Xove Banda de Narón como da Banda Infantil Sementeira.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


