A Deputación da Coruña presentou este mércores na Asociación Cultural Alexandre Bóveda o proxecto de musealización do Mosteiro de Caaveiro, unha iniciativa que busca transformar este enclave histórico das Fragas do Eume nun verdadeiro museo de sitio, cun relato museográfico que permita comprender a súa relevancia histórica, cultural e territorial e, especialmente, o seu papel na historia de Galiza e do seu antigo reino.

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participou no acto de presentación xunto co xefe de Arquitectura da Deputación, Daniel Beiras, e o director do proxecto, Adolfo Seler.
Na súa intervención, Penas subliñou que se trata dunha actuación que «vai moito máis alá dunha intervención nun edificio histórico e patrimonial», porque aborda tamén a identidade, a memoria colectiva e a responsabilidade das administracións públicas coa historia do país. “Durante moito tempo faltaba darlle voz a esas pedras. Faltaba explicarlle á xente, con rigor e con orgullo, que o que ten diante dos ollos non é simplemente unha ruína romántica no medio dun bosque fermoso: é unha peza fundamental e indispensable para comprender a historia de Galiza como país, e ao mesmo tempo como o reino que foi”, afirmou.
O deputado explicou que a iniciativa nace dunha reflexión política iniciada hai tres anos sobre a necesidade de dotar Caaveiro da relevancia e da dignidade que merece. “Un proceso longo, marcado pola tramitación administrativa, os permisos, os estudos e a elaboración dos proxectos, que permitiu iniciar os traballos físicos pouco antes do verán”. Nese sentido, Penas lembrou que a Deputación leva anos traballando na recuperación e consolidación arquitectónica do mosteiro, pero considerou que a conservación física debe ir acompañada necesariamente da divulgación. “Conservar sen explicar é deixar o traballo a medias”, afirmou, defendendo que Caaveiro non pode converterse unicamente nun escenario para fotografías, senón nun espazo que permita coñecer e comprender a historia.
Ademais, definiu a aposta da Deputación como a creación dun “museo de reflexión, un museo sen redes para tecer outras redes”, no que escolares, familias e visitantes poidan achegarse á historia do país. O proxecto pretende explicar o papel que desempeñaron os mosteiros galegos como motores económicos, centros de poder, espazos de creación cultural e lugares fundamentais na articulación do territorio, na xestión da paisaxe e na conservación da lingua e da memoria documental.
O deputado reivindicou tamén a importancia de descentralizar a oferta cultural e garantir que os grandes proxectos museográficos e de divulgación histórica cheguen ao rural. “A cultura de primeiro nivel, a divulgación histórica rigorosa e os grandes proxectos museográficos non poden concentrarse unicamente nas grandes cidades. Teñen que estar tamén no rural, na comarca do Eume, xerando autoestima colectiva e dinamización sostible”, sinalou.

Un modelo europeo e profundamente galego
Na presentación, Xosé Penas situou o proxecto de Caaveiro no contexto dunha corrente museística consolidada en diferentes países europeos, que entende os grandes conxuntos monásticos como espazos de interpretación histórica, cultural e territorial. Entre os referentes citou o Mosteiro de San Juan de la Peña, en Aragón; o de Santa María de Ripoll, en Catalunya; o de Tibães, en Portugal; e as abadías de Fontenay, en Francia, e Fountains, no Reino Unido. Experiencias que amosan como a recuperación arquitectónica pode complementarse cun discurso museográfico capaz de explicar a dimensión histórica dos monumentos e a súa relación coa paisaxe e co territorio. “Ese é exactamente o camiño que escollemos para Caaveiro. Un modelo europeo, sostible e profundamente galego. Un modelo de país para un símbolo nacional de país”, apuntou.
A proposta parte tamén dunha concepción integral da experiencia da visita, na que as propias Fragas do Eume forman parte do discurso interpretativo. “A paisaxe das Fragas do Eume non é un simple complemento; é a primeira sala do museo”, explicou Penas. A intención é que as persoas visitantes poidan comprender a relación entre o mosteiro e o seu contorno natural, así como a vida dos seus habitantes e a importancia que tivo este enclave ao longo dos séculos.
Patrimonio, turismo sostible e identidade
A musealización de Caaveiro enmárcase tamén na visión de turismo cultural e territorial que defende a Deputación, baseada nun modelo de visitas pausadas, respectuosas co medio ambiente e compatibles coa fraxilidade ecolóxica das Fragas do Eume. Penas incidiu en que non se trata de promover un turismo masivo ou depredador, senón de atraer visitantes interesados na autenticidade, no coñecemento e na experiencia cultural, capaces de xerar valor engadido na comarca. “Recuperar as pedras de Caaveiro foi unha obriga moral co noso pasado. Musealizalo agora, dotándoo dun discurso á altura da nosa historia, é un compromiso co presente e co futuro de Galiza”, concluíu o deputado, que defendeu que quen visite o mosteiro poida marchar non só coa lembranza dunha paisaxe excepcional, senón tamén cun maior coñecemento de quen somos como pobo e como país.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.