Neda presenta a súa programación especial con motivo do Día internacional pola eliminación da violencia cara ás mulleres. A Marcha polo bo trato, fixada para o 25 N, en horario matinal, volverá ser o eixo central da iniciativa, que arrinca este venres co espectáculo teatral “Sophie non é o meu nome de guerra”.

Alumnado dos centros escolares do municipio encabezará, un ano máis, a andaina reivindicativa pola igualdade e contra a violencia de xénero. O Concello pon así o foco nun colectivo no que está a prender o discurso negacionista.
O percorrido, aberto ao conxunto da veciñanza, partirá da contorna do albergue de peregrinos ás 10:30 horas, con destino á Casa do Concello, onde se garda un minuto de silencio polas vítimas, tras o que se inicia na Casa da Cultura un acto coas reflexións dos estudantes sobre a temática. Pola noite, a fachada da Casa Consistorial a tradicional iluminación conmemorativa.
A programación iniciarase este venres, a partir das 20:30 horas, cunha achega cultural, o espectáculo de teatro contemporáneo “Sophie non é o meu nome de guerra”. Unha obra que segue a dura viaxe dende Camerún ata A Coruña dunha muller, e aborda cuestións como o exilio forzoso, as políticas migratorias europeas, e a trata de mulleres con fins de explotación sexual.
Precisamente, a prostitución e as dinámicas sociais, económicas e culturais que o sosteñen centrarán a campaña “De fronte”, impulsada pola Deputación da Coruña, á que se sumará Neda. Así, ao longo da vindeira semana habilitaranse na Casa da Cultura “espazos de reflexión” puntos nos que a cidadanía poderá achegarse a diferentes cuestións relacionadas cunha realidade que demasiadas veces permanece oculta.
Finalmente, a biblioteca municipal fará a súa achega ao programa habilitando un centro de interese sobre temas de igualdade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
