A xornada, dirixida especialmente ao alumnado do grao en Relacións Internacionais e aberta ao conxunto da comunidade universitaria e ao público xeral interesado, incluirá unha dinámica participativa sobre migracións e dereitos humanos.

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle este venres 20 de novembro, ás 11:00 horas, a conferencia “Cooperación en Cáritas: desenvolvemento e emerxencias como procesos sostidos”, un encontro que permitirá achegar ao público participante á realidade da cooperación internacional e reflexionar sobre a importancia de manter unha resposta continuada ante as crises humanitarias. O relatorio será impartido por Carmen Gómez de Barreda Golmayo, integrante da área de Fortalecemento Institucional Europa de Cáritas Española.
Durante a súa intervención, a conferenciante abordará o modelo de cooperación internacional de Cáritas, baseado no traballo en rede e no acompañamento sostido ás comunidades. Do mesmo xeito, analizará o papel da organización antes, durante e despois dunha emerxencia, poñendo de manifesto que a cooperación vai máis alá da resposta inmediata ante unha catástrofe e que require procesos de desenvolvemento e fortalecemento institucional a longo prazo.
Carmen Gómez de Barreda Golmayo é licenciada en Ciencias Económicas pola Universidad Autónoma de Madrid (UAM) e conta cun máster en Cooperación ao Desenvolvemento pola Universidad Pontificia de Comillas e con outro en Relacións Internacionais e Estudos Africanos pola Universidad Autonoma Madrid (UAM). Acumula 25 anos de experiencia profesional no ámbito da cooperación ao desenvolvemento en entidades da Igrexa e conta con formación e experiencia investigadora sobre democracia e conflitos en Europa do Leste.

Unha dinámica para reflexionar sobre as migracións e os dereitos humanos
A xornada completarase coa dinámica participativa “E se mañá foses ti?”, conducida pola psicóloga do Centro de Día de Inclusión Social Gabriel Vázquez Seijas de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, María Méndez Pérez de Arévalo. A actividade convidará ao público participante a reflexionar sobre as circunstancias que obrigan a moitas persoas a abandonar os seus fogares e sobre a importancia da acollida ás persoas migrantes e refuxiadas desde unha perspectiva de dereitos humanos.
Tanto a conferencia como a dinámica están dirixidas ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación interuniversitaria que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, aínda que tamén están abertas ao conxunto da comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do Salón de Graos.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.