Os primeiros “Laboratorios Castrexos” achegan a arqueoloxía e o patrimonio histórico a máis de 50 estudantes de primaria de Ferrol

A iniciativa, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e máis polo Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, e financiada pola Fundación L. Monteagudo, arrancou esta semana coa participación de alumnado dos colexios Belén e Arenales Compañía.

Foto: Lucía Brage xunto con varios dos alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do Colegio Belén no Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol/Fuente Campus Ferrol-UDC

O Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol acolleu esta semana as primeiras sesións dos “Laboratorios Castrexos”, unha proposta educativa que busca achegar a arqueoloxía, a cultura castrexa e o patrimonio histórico ao alumnado dos centros educativos da comarca de Ferrolterra a través da experimentación e da aprendizaxe práctica.

A proposta está promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, e financiada pola Fundación L. Monteagudo. O alumnado de 3º de Educación Primaria do Colegio Belén de Ferrol, un total de 25 nenos e nenas, participou, este xoves 12 de novembro, no laboratorio “As pegadas do barro”.

Esta actividade permitiulles descubrir como vivían as comunidades castrexas e coñecer mellor o traballo dos arqueólogos e arqueólogas, tomando como referencia o Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. Na parte práctica, a cativada elaborou as súas propias pezas de cerámica, experimentando con diferentes técnicas de modelado e de
decoración.

Pola súa banda, hoxe, venres 13 de novembro, achegáronse ata o Campus Industrial de Ferrol 27 alumnos e alumnas de 1º de Educación Primaria do Colegio Arenales Compañía, situado tamén na cidade departamental, que participaron no  laboratorio “Construímos un poboado castrexo”. Da man dunha actividade creativa e colaborativa, os nenos e nenas descubriron como eran os antigos castros e construíron un pequeno asentamento a partir das súas propias creacións.

Os traballos realizados nestes obradoiros contribuirán á creación do Museo Colectivo Castrexo, un espazo expositivo compartido que irá medrando coas achegas dos distintos grupos participantes e que permitirá descubrir e interpretar diferentes aspectos da cultura castrexa. A programación continuará a próxima semana con dúas novas sesións dirixidas ao alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria do Colegio Belén de Ferrol.

Tres obradoiros gratuítos para centros educativos de toda Galicia

A programación dos “Laboratorios Castrexos” inclúe tres actividades ben diferenciadas. O primeiro laboratorio, “Construímos un poboado castrexo”, está dirixido ao alumnado de 1º e de 2º de Educación Primaria. Nel, os nenos e nenas aprenderán que é un castro e, pintando, recortando e pegando, crearán o seu propio poboado. O segundo laboratorio, “As pegadas do barro”, está pensado para o estudantado de 3º a 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO.

Neste obradoiro, a cativada descubrirá a importancia da cerámica na cultura castrexa e creará a súa propia peza. A terceira proposta, “As orixes da moda”, incorporarase proximamente á programación e estará dirixida ao estudantado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO. A actividade permitirá que os nenos e nenas participantes se acheguen á indumentaria castrexa poñendo o foco nos tecidos e nos ornamentos.

Tanto este laboratorio coma os dous anteriores estarán supervisados pola doutora en Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo (UVigo) e máis pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lucía Brage Martínez, terán unha duración estimada de 90 minutos e ofertarán un máximo de 25 prazas.

Os “Laboratorios Castrexos” non contan cun calendario de sesións previamente establecido senón que se están a organizar en función das solicitudes presentadas polos centros educativos e a dispoñibilidade de espazos no Campus Industrial de Ferrol.

A participación é totalmente gratuíta e está aberta a centros educativos de toda Galicia. Os centros interesados en inscribirse ou solicitar máis información poden chamar ao 881 013 820 ou ben enviar un correo electrónico a arqueodromo.ferrol@gmail.com.

Lea también

El Campus de Ferrol acoge una nueva edición del Curso Básico de Formación en Voluntariado

El Edificio de Apoyo al Estudio del Campus Industrial de Ferrol acogió, los días 6 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.