O acto contou coa participación da deputada provincial Cristina García Rey, e coa actuación musical do grupo Saraibas.

A Deputación da Coruña presentou este venres no salón de actos do campus de Esteiro, en Ferrol, o libro Cancións para o ano, unha obra escrita pola profesora e autora Ánxela Loureiro. O evento, organizado pola área de Normalización Lingüística do ente provincial coa colaboración da Universidade da Coruña, contou coa intervención da deputada Cristina García Rey e cunha destacada actuación musical a cargo do grupo de música tradicional Saraibas, que se reuniu expresamente para interpretar varios dos seus temas máis coñecidos.
Durante a súa intervención, Cristina García Rey subliñou o compromiso da institución provincial na “loita contra a actual situación de emerxencia lingüística”, incidindo na necesidade de que “as administracións públicas traballemos para garantir os dereitos lingüísticos e erradicar prexuízos, especialmente entre a mocidade”. A deputada destacou que esta publicación vai directa ao corazón do reto que afronta o profesorado á hora de conectar coas novas xeracións e espertar nelas “o orgullo polo idioma”, convertendo o ensino nun espazo lúdico onde a lingua e a música de raíz se aprenden cantando e xogando.
O volume constitúe unha reedición renovada e ampliada do cancioneiro que Ánxela Loureiro elaborou a partir do disco homónimo publicado en 1995 polo grupo Saraibas, formación da que ela mesma formou parte. A publicación ofrece ferramentas prácticas e rigorosas para o labor docente, recompilando cancións propias das diferentes épocas do ano acompañadas da súa correspondente música e proposta de baile para facilitar a integración do galego na aprendizaxe escolar.
Co obxectivo de que o manual chegue ao maior número posible de persoas e sirva como recurso pedagóxico activo nas aulas, a Deputación da Coruña xa distribuíu exemplares físicos desta edición por bibliotecas e centros educativos de toda a provincia. Así mesmo, a obra atópase dispoñible de xeito libre e gratuíto en formato dixital para a súa descarga a través do apartado de Lingua da páxina web oficial da institución provincial
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.