Inscrición aberta no II Máster Erasmus Mundus RESCO que acolle a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

O programa internacional, de dous cursos académicos de duración, ofrece 35 prazas e 17 bolsas Erasmus Mundus para o curso 2027/28, destinadas a cubrir os gastos de matrícula, mobilidade e manutención do alumnado. O título, financiado pola Comisión Europea, está impulsado por un consorcio de cinco universidades de España, Portugal, Francia e Hungría, entre elas a Universidade da Coruña (UDC).

Alumnado da primeira promoción do máster Erasmus Mundus RESCO xunto co coordinador do título na Universidade da Coruña (UDC), o profesor Pablo Rodríguez-Vellando/ Fuente Campus Industrial de Ferrol-UDC

O Máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction (RESCO) abre este luns 16 de novembro, o prazo de inscrición para optar a unha das 35 prazas que oferta para o curso 2027/28. O programa ofrece tamén 17 bolsas Erasmus Mundus destinadas a cubrir os gastos de matrícula, mobilidade e manutención.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) volverá recibir alumnado dunha titulación internacional, de dous cursos de duración (120 ECTS), que ten como obxectivo formar profesionais que sexan quen de deseñar infraestruturas sostibles.

As persoas interesadas en cursar este máster deberán formalizar a súa solicitude, antes do 28 de febreiro de 2027, a través dun portal web xestionado pola Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría. Para acceder ao mesmo, deberán estar en posesión dun título universitario de grao ou licenciatura en enxeñaría civil, enxeñaría mecánica, arquitectura ou algunha disciplina afín, así como acreditar un nivel B2 de inglés.

O Máster Erasmus Mundus RESCO presenta un plan de mobilidade que leva ao estudantado a cursar o primeiro cuatrimestre en Hungría, o segundo en España e Portugal e o terceiro en Francia. No cuarto cuatrimestre, o alumnado realizará as súas prácticas curriculares e o seu Traballo Fin de Máster (TFM).

Durante a súa estadía na Universidade da Coruña (UDC), achegaranse á construción sostible e á eficiencia enerxética da man do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, esta última situada no campus coruñés.

Este programa internacional, financiado pola Comisión Europea, está impulsado por un consorcio universitario integrado pola Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría; a Universidade da Coruña (UDC), de España; a Universidade do Minho (UMinho), de Portugal; e as francesas INSA Rouen Normandie e Université Le Havre Normandie (ULHN). Ademais, conta co respaldo de empresas e entidades de ámbito nacional e internacional, entre elas Saint-Gobain ISOVER, Iberdrola, TUBACER, Alcoa, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), CASAIS, GREENLAB, DST Group, Skyborn Renewables e Cerema.

A primeira promoción chegará ao Campus Industrial de Ferrol en febreiro

A apertura do prazo de inscrición desta segunda convocatoria coincide co desenvolvemento da primeira edición do Máster Erasmus Mundus RESCO, correspondente ao curso 2026/27. O estudantado desta primeira promoción está a cursar actualmente o primeiro cuatrimestre na Budapest University of Technology and Economics (BME), en Hungría, e chegará á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) o vindeiro 10 de febreiro de 2027 para iniciar as clases do segundo cuatrimestre na cidade departamental.

Esta primeira promoción destaca polo seu marcado carácter internacional, conn20 estudantes procedentes de 16 países de catro continentes: Afganistán, Bangladesh, Brasil, Ecuador, España, Estados Unidos, Gana, India, Irán, Nepal, Paquistán, Quenia, Rusia, Tailandia, Uganda e Zambia.

Lea también

Educación destina 15 M€ á UDC para equipamento ciéntífico e para o futuro Edificio da Industria Intelixente de Ferrol

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asinou co reitor da Universidade …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.