O BNG de Cabanas presenta un paquete de 16 emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2027 co obxectivo de incorporar investimentos e actuacións que respondan ás necesidades do municipio. A formación nacionalista considera que Cabanas precisa compromisos concretos en servizos básicos, mobilidade, sanidade, medio ambiente e equipamentos, e reclama que o Goberno galego rectifique unhas contas que non dan resposta ás demandas da veciñanza.

As iniciativas, impulsadas polo deputado do BNG e veciño de Cabanas, Xosé Manuel Golpe, buscan trasladar ao Parlamento galego necesidades que a formación nacionalista leva tempo defendendo no ámbito municipal. O BNG considera que a presenza dun alcalde do PP non está a traducirse nunha maior atención por parte da Xunta e reclama que o Concello exerza un papel máis activo na defensa dos intereses de Cabanas.
“Cabanas non pode quedar á marxe dos investimentos da Xunta. Non pedimos privilexios, senón que se atendan necesidades que afectan directamente á vida da veciñanza. O noso concello precisa planificación, recursos e compromisos, e imos seguir traballando para conseguilos”, sinala o portavoz municipal e candidato do BNG á alcaldía, Iago Varela.
Investimentos para garantir servizos básicos e mellorar a calidade de vida
As emendas sitúan entre as prioridades a mellora do abastecemento e do saneamento. O BNG reclama un millón de euros para desenvolver a rede de abastecemento de Laraxe, incrementando a captación e dotando a parroquia dunha nova rede de distribución, así como 500.000 euros para completar o saneamento de Regoela.
A formación nacionalista solicita tamén 50.000 euros para estudar alternativas de abastecemento comarcal que permitan avaliar a subministración por gravidade, reducir os custos de bombeo e reforzar a garantía de auga nos períodos de seca.
Varela considera que a planificación da auga debe anticiparse ás necesidades futuras e aproveitar as oportunidades das infraestruturas previstas na comarca. “Coa obra do hidroduto de H2Pole sobre a mesa, sería unha oportunidade perdida non estudar a posibilidade de aproveitar esa infraestrutura para achegar auga á comarca por gravidade. Precisamos analizar as alternativas con rigor e buscar solucións que garantan o abastecemento sen depender de custosos bombeos”, apunta.
No ámbito sanitario, o BNG propón 30.000 euros para elaborar un estudo de viabilidade que determine as necesidades de ampliación do centro de saúde de Cabanas na parcela anexa. “Queremos que se dean os pasos necesarios para planificar a mellora da atención sanitaria, con previsión e atendendo ás necesidades da poboación”, explica o portavoz municipal.
Estradas máis seguras e transporte público para todas as parroquias
A mobilidade e a seguridade viaria ocupan tamén un lugar destacado no paquete de emendas. O BNG reclama 500.000 euros para mellorar a seguridade na AC-122, desde Cardeita, no cruzamento coa N-651, até o límite con Fene. A actuación incluiría beirarrúas, pasos de peóns e a corrección dos problemas de drenaxe e filtracións de auga na Costa do Vinteún.
A proposta complétase con 150.000 euros para acondicionar as marxes e vías de servizo da AC-563, entre Vilar do Colo e Fonfría, e 400.000 euros para adecuar o treito urbano da AC-141 na rúa do Concello antes da súa transferencia ao municipio.
O BNG demanda, ademais, 500.000 euros para mellorar as frecuencias e conexións do transporte público no eixo Ferrol–A Coruña, prestando especial atención aos núcleos situados fóra da N-651 e ás conexións coa Capela, Ares e Mugardos.
“Vivir nunha parroquia non pode significar quedar á marxe dos servizos nin depender sempre do coche para os desprazamentos cotiáns. Precisamos unha mobilidade que conecte o territorio e facilite a vida das persoas”, defende Varela.
Recuperar Vilar do Colo e protexer os recursos naturais
No ámbito ambiental, o BNG propón 500.000 euros para retirar e xestionar adecuadamente os materiais bituminosos depositados en Vilar do Colo e recuperar o espazo afectado. A esta actuación súmanse 200.000 euros para a limpeza e acondicionamento do río Baa, incluíndo a identificación e control de posibles escorregas e lixiviados procedentes do depósito.
As emendas incorporan tamén 300.000 euros para a conservación e acondicionamento do río Ventín, co obxectivo de reducir o risco de asolagamentos durante as enchentes e mellorar a captación de auga no verán; outros 300.000 euros para actuar sobre a erosión e a seguridade da ruta costeira entre a praia da Madalena e Río Castro; e 100.000 euros para a restauración ambiental e a posta en valor do alto curso do Belelle, do seu patrimonio e dos seus percorridos.
Para o Parque Natural das Fragas do Eume, o BNG solicita 1,5 millóns de euros para actuacións de conservación, restauración ambiental e mellora do uso público, no marco do Plan reitor de uso e xestión, incluído o acondicionamento dos accesos a Caaveiro. Trátase dunha proposta de alcance supramunicipal que abrangue Cabanas e os demais concellos do parque.
Equipamentos deportivos e recursos para as emerxencias
O paquete de emendas complétase con 500.000 euros para unha primeira fase de acondicionamento da área recreativa e do campo de fútbol da Veiga, que incluiría a instalación de céspede artificial, a renovación da iluminación e a reparación dos vestiarios.
O BNG propón tamén 90.000 euros para infraestruturas básicas de comunicación dos servizos municipais de emerxencias, dentro dunha actuación de alcance galego.
“Todas estas propostas teñen como fío común a mellora da vida da veciñanza. Falamos de ter auga e saneamento, camiñar con seguridade, dispoñer dun transporte público que conecte as parroquias, recuperar espazos degradados, coidar o noso patrimonio natural e contar con instalacións dignas para o deporte e o lecer», resume o deputado Xosé Manuel Golpe.
O portavoz municipal subliñou que o BNG seguirá traballando para que as necesidades de Cabanas teñan presenza nas decisións da Xunta, e afirma que o municipio precisa dun goberno que as defenda con determinación e capacidade de interlocución. “Cando o BNG estea á fronte do Concello, imos petar en todas as portas que faga falta, reclamar os investimentos que Cabanas necesita e esixir compromisos e prazos concretos. Non imos conformarnos con trasladar demandas, senón traballar para conseguir respostas e resultados”, asegurou.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.