O Foro Cidadán polo Ferrocarril convoca unha concentración en Ferrol para reclamar un tren digno para la comarca

Será o sábado 7 de novembro, ás 11.00 horas, diante da estación de ferrocarril de Ferrol.

Estación de Ferrol.-Foto Galicia Artabra

O Foro Cidadán polo Ferrocarril , chama a participar nunha nova mobilización para manter viva a reivindicación dun transporte ferroviario público, moderno e adaptado ás necesidades da cidadanía das tres comarcas.

Baixo o lema «Polo dereito ao tren», o colectivo volve convocar a veciñanza para denunciar a situación de abandono das conexións ferroviarias e reclamar solucións concretas ás administracións responsables.

A convocatoria chega nun momento no que as demandas de mellora do ferrocarril seguen sen materializarse, malia os compromisos institucionais e as numerosas iniciativas impulsadas nos últimos anos. O Foro considera que non abonda con anuncios e promesas: fan falta investimentos, prazos definidos e un calendario real de actuacións.

Un tren do século XXI para as tres comarcas

Entre as principais reivindicacións do Foro está a modernización integral da liña Ferrol-A Coruña, que continúa ofrecendo unhas conexións moi afastadas das necesidades reais da poboación.

O colectivo reclama recuperar e ampliar frecuencias e horarios, reducir os tempos de viaxe e avanzar nas actuacións necesarias para mellorar a infraestrutura, entre elas o baipás de Betanzos, fundamental para optimizar a conexión ferroviaria.

Tamén demanda melloras nos servizos de ancho métrico, a antiga FEVE, que comunican diferentes localidades de Ortegal, así como unha mellor integración de Ferrolterra na rede ferroviaria galega e estatal.

A reivindicación non se limita á infraestrutura. Trátase de garantir un servizo público útil, accesible e competitivo fronte ao vehículo privado, que permita desprazarse por motivos laborais, educativos, sanitarios ou persoais sen depender do automóbil.

Archivo- Estación de tren de Ferrol

Unha reivindicación que precisa do apoio da cidadanía

O Foro Cidadán polo Ferrocarril naceu para unir vontades e sumar apoios arredor dunha demanda compartida: que Ferrolterra, Eume e Ortegal deixen de estar á marxe da modernización das comunicacións ferroviarias.

Ao longo da súa traxectoria promoveu encontros informativos, iniciativas institucionais e mobilizacións cidadás. A Declaración Institucional por un Tren do Século XXI conseguiu o respaldo de diferentes concellos, da Mancomunidade e do Parlamento de Galicia, ademais de entidades sociais, económicas e culturais.

Nas últimas semanas, o Foro tamén anunciou a súa intención de manter a presión sobre as distintas formacións políticas durante a campaña electoral, esixindo compromisos que vaian máis alá das declaracións de intencións.

A concentración do próximo sábado pretende, unha vez máis, facer visible que o dereito a unhas comunicacións dignas non é unha reivindicación particular dunha cidade, senón unha necesidade colectiva que afecta ao futuro económico, social e demográfico de todo o territorio.

Lea también

COFER organiza un curso sobre o uso profesional de WhatsApp como canle de venda

A formación, en colaboración co Concello de Ferrol, celebrarase o 17 de novembro e ofrecerá …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.