O Pazo da Cultura de Narón dedica unha semana á muller na ciencia, con Marie Curie como protagonista

Entre o 5 e o 7 de novembro haberá teatro para escolares, unha mostra, a presentación do libro “Descubre a María Sklodovska-Curie” e estréase a obra “Curie ou a simetría dos fenómenos físicos” da compañía galega Empatía Teatro.
 
 
O Pazo da Cultura de Narón dedicará a primeira semana de novembro ás mulleres que fixeron avanzar a ciencia, cunha programación do Padroado da Cultura pensada para públicos moi distintos e na que Marie Curie ocupa o centro. Entre o 5 e o 7 de novembro haberá teatro para escolares, unha exposición, a presentación dun libro e un biopic da Premio Nobel.
 
A programación comeza o xoves 5, ás 11:30 horas, cun pase para escolares de A máquina do tempo das científicas, da compañía Trémula Teatro.
 
A obra segue a unha rapaza que viaxa no tempo para coñecer algunhas das mulleres extraordinarias que cambiaron a historia da ciencia. Trémula Teatro, creada en Galicia a finais de 2017, traballa para o público infantil e tamén no teatro social para adultos, e nas súas propostas mestura a danza, o circo, a lingua de signos e os contacontos.
 
O venres 6, ás 12:00 horas, inaugúrase no vestíbulo do Pazo da Cultura unha exposición de paneis sobre a vida de Marie Curie, que permitirá seguir a súa liña temporal e os momentos máis destacados da súa biografía.
 
O sábado 7, ás 18:30 horas, o Café Teatro acolle a presentación do libro “Descubre a María Sklodovska-Curie”, a cargo das súas autoras e biógrafas, Belén Yuste e Sonnia L. Rivas-Caballero. Durante o encontro repasarán a vida da científica polaca e invitarán a descubrir a persoa que se agocha tras unha fama tan grande. Yuste é responsable da Área de Cultura e Ciencia do Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid, escritora, divulgadora científica e comisaria de exposicións. Xunto con Rivas-Caballero dirixe o programa “Los Nobel”, de Radio 5 (RNE), e ambas asinan obras como “Una Carmelita en Flandes”, “Una polaca en París” e “Mujeres Nobel”.
 
A programación pecha con “Curie ou a simetría dos fenómenos físicos”, un biopic poético da compañía galega Empatía Teatro que terá a súa estrea absoluta en Narón e se representa os días 6 e 7, ás 20:00 horas, para público adulto. Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, coa asesoría das propias Belén Yuste e Sonnia Rivas, a peza propón unha viaxe no tempo e no espazo pola vida dunha muller que desafiou as convencións da súa época.
 
Marie Curie foi a primeira muller en gañar un premio Nobel e a primeira persoa en recibir dous, e segue a ser a única galardoada con dous Nobel en dúas disciplinas científicas distintas, Física e Química.
 
As entradas para a función de Empatía Teatro están á venda na web do Padroado da Cultura de Narón https://www.padroadodecultura.es/es e na billeteira do Pazo da Cultura.

Lea también

Narón abre o prazo de inscrición no curso “CANVA: Deseño dixital e creación de contidos para o uso cotián

A plataforma Cemit mantén aberto o prazo de inscrición nun novo curso, “CANVA: Deseño dixital …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.