Especialista no traballo con vítimas de violencia, ofrece unha conferencia aberta o sábado 17 de outubro ás 11:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.
A Escola de Benestar do Concello de Narón comeza o curso coa conferencia do psicólogo Javier Aznar, que baixo o título “Contar a miña historia: por que a nosa narrativa pode enfermarnos e tamén curarnos” achegará ao público a relación entre os relatos que construímos sobre a nosa vida e a nosa saúde emocional. Será o próximo sábado 17 de outubro, ás 11:00 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón. A entrada é de balde, ata completar capacidade.
Javier Aznar é psicólogo clínico, psicoterapeuta e supervisor, con máster en terapia familiar, neurociencias e bioética, e está especializado no traballo con persoas vítimas de violencia. Dirixe na Coruña o Instituto de Psicoterapia Relacional e Narrativa (IPReNa), un centro que atende persoas que afrontan experiencias de trauma relacional e duelo.Ademais, supervisa equipos e institucións de atención a menores en situación de desamparo e a persoas con trauma complexo. Colabora tamén co grupo de innovación docente en práctica narrativa da Universidade da Coruña. O seu traballo sitúase entre a psicoloxía narrativa e a teoría do apego.
Parte da idea de que o trauma relacional, sobre todo na infancia e na adolescencia, quebra a continuidade da experiencia e a capacidade de dar coherencia ao que nos pasa. Nesa liña, recuperar a posibilidade de contar a propia historia doutro xeito, con seguridade e con acompañamento, forma parte do proceso de cura.
A concelleira de Benestar, María Lorenzo, destaca a oportunidade de traer a Narón este debate. “Todas levamos dentro unha historia sobre quen somos e sobre o que nos pasou, e a maneira de contala pode pesarnos ou axudarnos a seguir adiante. Que nos visite un profesional co percorrido de Javier Aznar é unha ocasión para deternos neste punto”.
Lorenzo anima a veciñanza a achegarse ao Café Teatro. “A Escola de Benestar quere ser un espazo para coidarnos entre todas as persoas, e esta primeira charla do curso é unha boa maneira de comezar. Aquí todo o mundo ten cabida”, sinalou a concelleira.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
