Baixo o lema “Conciencias creativas”, o vindeiro 25 de setembro a UDC organiza vistas aos seus centros de investigación e actividades gratuítas para todos os públicos na Coruña e Ferrol.

A Universidade da Coruña participará o vindeiro 25 de setembro na VI edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa que nace ao abeiro da Noite Europea das Persoas Investigadoras, evento de divulgación científica promovido pola Comisión Europea no marco das Marie Skłodowska-Curie Actions. Así, a UDC liderará unha programación con máis de 40 actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán nos campus da Coruña e de Ferrol e en museos, centros culturais e espazos ao aire libre.
Na cidade da Coruña, as actividades estarán distribuídas en seis localizacións.
Na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, situada en Riazor, mostraráselles en horario de mañá aos escolares o funcionamento dun buque a través dun simulador, onde se adestran os futuros oficiais para xestionar e manter en funcionamento os sistemas esenciais dun buque.
No campus de Elviña terán lugar diversas actividades
• Visitas guiadas ao CITEEC: de 12:00 a 13:30 horas. As persoas participantes visitarán catro laboratorios do CITEEC, onde poderán presenciar en tempo real algúns dos ensaios que se realizan no centro e asistir a demostracións con réplicas a escala das máquinas de ensaio preparadas para a ocasión.
• Visitas guiadas ao CITIC: de 10:00 a 12:00 horas. Os escolares poderán coñecer exemplos de proxectos de intelixencia artificial, realidade virtual, realidade aumentada e robótica.
Na DOMUS, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ofrecerá de 10:00 a 13:00 horas visitas e dous obradoiros para grupos de escolares, “A aventura do sono” e “A vida celular das enfermidades”. Xa en horario de tarde, das 17:00 a 21:00 horas, a G-Night contará con actividades no MUNCYT, no museo de Belas Artes da Coruña e na Dársena da Mariña.
No MUNCYT hacerá dous obradoiros, de 17:00 a 20:00 horas, dirixidos ao público xeral e familiar (a partir de 12 anos):
• O deporte tamén se calcula: das ecuacións ao músculo. As persoas participantes descubrirán como a física, as matemáticas, a química e a bioloxía permiten medir e comprender o funcionamento do corpo humano durante o exercicio, así como avaliar a condición física e a saúde.
• Electricidade e Movemento. As persoas participantes observarán en tempo real como o sistema nervioso controla o movemento e como a electricidade pode estimular de forma segura a actividade muscular.
No Museo de Belas Artes da Coruña desenvolverase, de 18.00 a 19.30 horas, o obradoiro “Unha obra agochada”, no que as familias descubrirán unha obra do museo sen vela inicialmente, a través de pistas, descricións e estímulos sensoriais. A actividade permitirá reflexionar de maneira lúdica sobre as diferentes formas de percibir a arte e sobre a importancia de crear espazos culturais máis accesibles e inclusivos.
Na Dársena da Mariña (inmediacións da Autoridade Portuaria), desenvolverase, a partir das 18.00 e ata as 21.00 horas, un amplo programa de máis de vinte charlas e obradoiros divulgativos para públicos de todas as idades e sobre temáticas moi diversas, organizadas pola Unidade de Divulgación Científica da UDC, o CICA, o CITEEC, o CITIC, Ecobas, o Centro Oceanográfico da Coruña, ou a AECC, entre outros.
As persoas participantes poderán descubrir como a investigación en química e bioloxía contribúe a afrontar retos relacionados coa saúde, a biodiversidade, a enerxía e a protección do planeta; coñecer diferentes problemáticas de contaminación ambiental; comprender as relacións evolutivas entre os seres humanos e outros primates; ou observar ao microscopio plancto e microorganismos mariños. O programa permitirá tamén interactuar con diferentes máquinas de enxeñaría, fabricar obxectos con formigón sustentable e construír e lanzar un foguete e comprobar a súa efectividade desde a plataforma de lanzamento. As persoas maiores poderán avaliar o estado dos seus xeonllos mediante probas sinxelas, mentres que a Asociación Española Contra o Cancro achegará ao público os avances da inmunoterapia. Outras propostas amosarán como a intelixencia artificial pode contribuír ao coidado da saúde feminina, especialmente no tratamento da incontinencia urinaria, ou como a IA pode axudar a detectar e combater os discursos de odio nas contornas dixitais. Ademais, será posible descubrir como funciona e inflúe a economía na vida cotiá a través de obradoiros, xogos e, tamén se realizará unha andaina dedicada ao márketing.
Como novidade, este ano ofreceranse dúas quendas do obradoiro: Formigón en familia no que os nenos e nenas, acompañados por unha persoa adulta, poderán fabricar un portafoto con formigón sustentable.
A programación completarase cun ciclo de charlas divulgativas para público adulto sobre temáticas moi diversas e de actualidade, como os novos fármacos para a obesidade e a diabetes, como a enxeñaría pode contribuír a saúde cos modelos de xemelgos dixitais de tumores, nanomateriais, zoonose (enfermidade infecciosa que pasa de animais a humanos ou viceversa) e biodiversidade, e sobre paisaxe e cultura visual.
No Campus Industrial de Ferrol, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) desenvolverá dez actividades con propostas prácticas sobre diferentes ámbitos da ciencia e a enxeñaría, combinando demostracións, experimentos e retos prácticos para achegar conceptos científicos a diferentes públicos:
–Luminis·Ciencia: como iluminar o cancro para estudalo. Coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro, esta actividade amosa como poden empregarse proteínas que emiten luz para marcar células e estudar a actividade das células tumorais.
– Conecta o océano, a enerxía do futuro. Unha proposta arredor das posibilidades enerxéticas do océano, con pequenos retos de enxeñaría nos que se poderán construír aeroxeradores e paneis solares con pezas de
Lego.
–Plásticos que desaparecen, xogando coa ciencia dos biopolímeros. Un achegamento aos plásticos biodegradables para coñecer como se producen, por que se degradan e que factores inflúen no seu proceso de degradación.
–Do ser humano á máquina, enredando coa enxeñaría mecánica. Un percorrido pola relación entre o funcionamento do corpo humano e o das máquinas, desde os motores dos vehículos ata os mecanismos que reproducen o movemento dos músculos.
–A mecánica de fluídos na cociña. A física dos fluídos sae do laboratorio para explicar fenómenos presentes na cociña, como a mestura, o quecemento ou o comportamento dos líquidos.
–Robótica intelixente. Coa colaboración do CITIC, a actividade permitirá coñecer como os sensores e a intelixencia artificial fan posible que os robots perciban o seu contorno, tomen decisións e adapten o seu comportamento.
–Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade. Unha cámara de néboa permitirá observar as trazas deixadas por partículas procedentes da radiación, xunto con experiencias sobre levitación magnética e supercondutividade.
–Matemáticas na GNight. Coa colaboración do CITMAga, diferentes materiais manipulables servirán para descubrir como as matemáticas permiten representar e resolver problemas e como se poden construírsuperficies curvas a partir de liñas rectas.
–Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D. Unha introdución á fabricación aditiva e aos novos materiais poliméricos destinados á impresión 3D, con demostracións de diferentes tecnoloxías e aplicacións.
–Canto sabes de deseño de buques? Unha actividade práctica para entender por que flotan os barcos, como se distribúe a carga e que factores se teñen en conta no deseño dunha embarcación.
A programación da mañá estará destinada aos centros educativos participantes e pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas, nove das dez propostas estarán tamén abertas ao público xeral.
Unha iniciativa galega con dimensión europea
A G-Night é a celebración galega da European Researchers’ Night, unha das principais iniciativas e divulgación científica en Europa, que ten lugar cada ano o último venres de setembro e se realiza de xeito simultáneo en case 400 cidades de 40 países, con máis dun millón medio de participantes.
En Galicia, a G-Night está coordinada pola Universidade de Vigo e conta coa participación da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, xunto con centros e institutos de investigación e outras entidades. A presente edición contará con más de 150 actividades e máis de 500 persoas investigadoras participantes en diferentes localidades galegas.
A Universidade da Coruña anima a toda a cidadanía a participar nesta gran festa da ciencia e descubrir como a investigación contribúe a comprender mellor o mundo e a mellorar a calidade de vida das persoas. O vindeiro 25 de
setembro, a cidade volverá converterse nun gran laboratorio ao aire libre onde a ciencia sairá ao encontro da sociedade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.