O trámite debe realizarse no rexistro municipal ou sede electrónica.

Co inicio do curso, o Concello de Valdoviño reabre o prazo para solicitar o uso do ximnasio municipal, e flexibiliza os horarios dos turnos -cada un dunha hora-. Así, de aquí a xuño, o espazo poderá utilizarse polas mañás os luns, mércores e venres entre as 10:00 e as 12:00 horas, e polas tardes, de luns a venres de 19:00 a 22:00 horas.
Ademais, a Concellería de Deportes explica que, de acordo co técnico de área, poderán modificarse horarios dos usuarios sempre e cando os grupos non estean completos. O custe pola utilización das instalacións municipais é de 16 euros ao mes no caso de 2 horas á semana, e de 24 euros no caso de 3 horas semanais.
O Concello de Valdoviño inauguraba as instalacións hai un ano no pavillón municipal O Longoiro, en Meirás, e conta con maquinaria de uso básico. Ademais, o Concello tamén ofrece asesoramento personalizado a aqueles veciños e veciñas que o soliciten, facilitándolles táboas de exercicios adaptadas á súa condición física e obxectivos.
O ximnasio está aberto para veciños e veciñas maiores de 16 anos -os menores de idade deben contar con autorización do pai, nai ou titor legal-, e a petición debe tramitarse presencialmente no rexistro da casa consistorial ou a través da sede electrónica.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.