Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a prealerta por seca activada por Augas de Galicia.
 
 
O Concello de Narón, en liña co acordado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, fai un chamamento á veciñanza para manter un uso responsable e racional da auga ante a situación de prealerta por seca activada por Augas de Galicia.
 
Na xuntanza mantida, os alcaldes e alcaldesas abordaron a reparación de fugas na Ponte das Pías co financiamento dos concellos e a xestión ante outras administracións, e conviñeron manter unha xuntanza técnica coa Xunta para o seguemento da prealerta.
 
O Concello de Narón lembra que os municipios da comarca xa adoptaron en xullo unha serie de medidas de aforro, anticipándose á evolución da situación e co obxectivo de contribuír á preservación dos recursos hídricos.
 
Entre elas, están a redución do rego de xardíns, hortas e zonas verdes con auga da rede; a prohibición de encher ou repoñer auga en piscinas particulares, desmontables ou permanentes; a limitación da limpeza de vehículos en domicilios particulares; e a redución de baldeos de rúas, patios, terrazas, fachadas, muros, garaxes ou calquera outro espazo exterior con auga potable.
 
Tamén se pide reducir ao máximo o uso de fontes ornamentais que non conten con circuíto pechado, pechar a billa cando non sexa necesario, acurtar o tempo das duchas e empregar a lavadora e o lavalouzas sempre a carga completa.
 
A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que «o aforro de auga é responsabilidade de todos e todas, e dende o Concello seguiremos traballando para garantir o abastecemento mentres pedimos á veciñanza que manteña estes hábitos de consumo responsable no día a día».
 
Dende o Concello insístese en que, mentres continúe a situación de prealerta, é fundamental manter estes hábitos de aforro, xa que cada litro de auga que se aforra contribúe a protexer un recurso esencial para toda a comarca.

Lea también

Narón pon en marcha tres accións formativas para favorecer a inclusión social das mulleres

As solicitudes poderán presentarse a partir deste martes 15 de setembro, con asesoramento presencial na …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *