Psoe Ferrol denuncia unha parálise política e administrativa da cidade

Está sen executar «o 94 % dos investimentos mentres Ferrol continúa atrapado entre obras paralizadas e promesas incumpridas». Ángel Mato denuncia «que a baixa execución, os atrasos constantes e as actuacións baseadas no cemento demostran que Rey Varela carece dun modelo transformador para a cidade»

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o goberno local «pechou o segundo trimestre de 2026 cunha execución de apenas o 24,03 % do orzamento municipal e de só o 5,70 % no capítulo de investimentos reais, uns datos que confirman a parálise política e administrativa na que o Partido Popular mantén atrapada a cidade».

«Dos 162,47 millóns de euros dispoñibles no orzamento de gastos, o Concello unicamente recoñecera obrigas por 39,05 millóns, deixando pendentes de executar máis de 123,42 millóns de euros cando xa transcorrera a metade do exercicio». «A situación é especialmente grave no capítulo destinado ás obras e investimentos. Dos 68,31 millóns de euros dispoñibles, o goberno municipal apenas executara 3,89 millóns». «Isto significa que máis de 64,41 millóns, o 94,30 % do total, continuaban sen utilizar».

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, considera que estas cifras “explican perfectamente o que está vendo a cidadanía: obras que non comezan, actuacións que acumulan meses de atraso, proxectos que se anuncian unha e outra vez e barrios que continúan agardando polas melloras prometidasˮ. “Por cada cen euros dispoñibles para investimentos, Rey Varela apenas gastou seis. Os outros 94 euros continúan nos caixóns municipais. Esa é a verdadeira realidade da súa xestión, por moitas infografías, presentacións e notas de prensa coas que intente ocultalaˮ, afirmou Mato

Os socialistas advirten de que a baixa execución non é simplemente un dato contable, senón que ten consecuencias directas na vida diaria da cidade. “Os millóns que quedan sen gastar son rúas que non se humanizan, vivendas que non se rehabilitan, instalacións que non se recuperan, parques que non se renaturalizan e barrios que seguen sen recibir os investimentos que necesitanˮ, explicou o voceiro socialista.

Mato citou como exemplos a situación de Rubalcava, o campo de tiro de Catabois ou a praza de Rosalía, proxectos que acumulan anuncios, atrasos e promesas incumpridas sen que a veciñanza poida apreciar os resultados comprometidos polo alcalde. “A praza de Rosalía é unha boa mostra desta incapacidade. O goberno anunciou a súa transformación, pero deixou escapar a oportunidade de financiala cos fondos de Transición Xusta. Rubalcava continúa atrapada entre anuncios e prazos que non se cumpren, e o campo de tiro de Catabois segue sendo outra das promesas que Rey Varela non consegue converter nunha realidadeˮ, manifestou.

O Grupo Municipal Socialistas engade que a esta situación súmanse os problemas na xestión doutras actuacións municipais. As obras de rehabilitación de vivendas en Recimil, financiadas con fondos europeos, acumulan sucesivas ampliacións dos prazos. Na rúa Neda e nos edificios da estrada de Castela xa se aprobaron segundas e terceiras prórrogas por problemas de coordinación, cableado pendente e humidades sen resolver.

Asimesmo, salientan que, tamén quedaron ao descuberto os erros de planificación nos proxectos incluídos no POS 2026, que obrigaron a modificar actuacións na pista polideportiva de Serantes, no local do Cruceiro de Valón, no local social de Pazos e no camiño de Areosa. A licitación das instalacións portátiles da praia de Doniños, pola súa banda, quedou deserta.

“Non son incidentes illados. É unha sucesión de atrasos, prórrogas, correccións e licitacións fallidas que revela unha maneira improvisada de gobernar. Rey Varela ten os recursos, ten maioría absoluta e ten once asesores, pero non consegue que os proxectos avancenˮ, sinalou Ángel Mato.

Para o Grupo Socialista, esta falta de capacidade de xestión vai acompañada dunha ausencia total de visión de futuro. “O problema non é unicamente que executen pouco. É que, cando actúan, fano cun modelo de cidade obsoleto, pouco transformador e, en moitos aspectos, retrógradoˮ, afirmou o voceiro socialista.

O exemplo máis evidente é a actuación prevista na estrada de Castela, presentada polo goberno como unha suposta “rexeneración urbanaˮ cando, na práctica, se limita fundamentalmente a renovar a capa de rodaxe ao longo de dous quilómetros. “Cambiar o nome dun expediente non transforma unha cidade. Botar asfalto e manter todo igual non é rexenerar. A estrada de Castela necesitaba unha intervención integral, con beirarrúas máis amplas, accesibilidade, arborado, transporte público, mobilidade sostible e espazos seguros para os peóns. O PP ofrece un simple reasfaltado e intenta vendelo como se fose unha actuación urbana do século XXIˮ, denunciou Mato.

Os socialistas contrapoñen este modelo coa proposta de humanización do primeiro quilómetro da estrada de Castela e cunha estratexia urbana que conecte os barrios, recupere espazo para as persoas e mellore a calidade de vida da veciñanza. “Rey Varela continúa aplicando o urbanismo dos anos noventa: máis asfalto, máis cemento e todo o protagonismo para o coche. Mentres outras cidades avanzan cara á renaturalización, a creación de zonas verdes, os refuxios climáticos e unha mobilidade máis sostible, o alcalde empurra Ferrol cara ao pasadoˮ, criticou.

Mato advertiu de que “encher as prazas de cemento, reducir o arborado e renunciar a transformar os grandes eixos urbanos non é modernizar Ferrolˮ. Para o voceiro socialista, “unha cidade moderna non se constrúe unicamente cambiando pavimentos, senón creando espazos máis verdes, accesibles, cómodos e preparados para afrontar o aumento das temperaturasˮ

A baixa execución mantense como unha constante do mandato. En 2024, primeiro ano completo do actual goberno, o PP só executou o 7,84 % dos investimentos municipais. En 2025, malia dispoñer de preto de 74 millóns de euros, a execución quedou no 16,8 %. Ao rematar o primeiro semestre de 2026, apenas alcanzaba o 5,70 %. “Non estamos ante un mal trimestre, senón ante tres anos perdidos. O modelo de Rey Varela consiste en anunciar moito, executar pouco e trasladar ao ano seguinte os proxectos que non foi capaz de realizar no anteriorˮ, declarou Mato.

O voceiro socialista lembrou que o PP conta con maioría absoluta, trece concelleiros e once asesores, polo que non pode atribuír estes resultados á falta de apoios políticos, de persoal ou de recursos económicos. “Teñen máis poder e máis medios que ningún goberno anterior, pero a cidade segue paralizada. Non lles falta diñeiro; fáltalles capacidade, planificación e un proxecto de cidade. Son moi eficaces para facer propaganda, pero moi pouco eficaces para executar o que anuncianˮ, afirmou.

O Grupo Municipal Socialista reclama ao goberno local un calendario público e realista das principais actuacións, no que se detalle o estado administrativo e económico de cada proxecto, as obras realmente iniciadas, os prazos de finalización e os investimentos que corren o risco de quedar novamente sen executar.

“Ferrol non necesita máis maquetas nin titulares. Necesita obras rematadas e unha transformación real dos seus barrios. Necesita unha cidade máis verde, máis accesible, máis habitable e pensada para as persoas. Fronte ao cemento, os parches e o modelo retrógrado do PP, os socialistas defendemos unha cidade moderna e con futuroˮ, concluíu Ángel Mato.

Lea también

Concentración en Ferrol y Narón por el bloqueo en la negociación del convenio del comercio de alimentación

Acusan a la dirección de Gadis y Froiz de bloquear la mesa de negociación con …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *