Catro citas con Apego en Narón para achegar contos e teatro aos máis pequenos

O programa do Servizo de Nornalización Lingüística naronés, gratuíto e con inscrición previa, comeza o 30 de setembro coa compañía A Xanela do Maxín.
 
 
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón presentou este unha nova edición do programa Apego, unha proposta dirixida ás familias con nenos de 0 a 6 anos. A programación deste outono consta de catro sesión na que teñen cabida contos, cancións, teatro e monicreques.
 
As actuación desenvolveranse os mércores 30 de setembro, 14 de outubro, 11 e 25 de novembro ás 17:00 horas no Centro cívico social de San Xiao.
 
A primeira cita, o último mércores deste mes, correrá a cargo da compañía A Xanela do Maxín que representará “Os libros da titiriteira”, unha proposta que mestura os monicreques co contacontos a través de grandes libros que agochan pequenas historias no seu interior.
 
O 14 de outubro será a quenda de “Colorín, colorete”, da narradora Charo Pita, un percorrido por contos, cantigas e bicos tan miúdos coma tenros nunha sesión deseñada para 0 a 3 anos.
 
Xa en novembro, o día 11, será a quenda de “A loba Antea”, da compañía As dos Contiños, un espectáculo con música, narración oral e monicreques sobre a amizade e a concienciación ambiental, protagonizado por unha loba gardiá do monte do Viso e a súa amizade coa nena Sarela.
 
A programación pechará o 25 de novembro con “Animaladas”, de Calavera Teatro, no que a exploradora Jeanne Baret convida o público a acompañala nunha viaxe pola selva Pitiminí para descubrir as súas especies e misterios.
 
Todas as actividades son de balde, aínda que requiren inscrición previa a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e a idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
 
Toda a información sobre o programa pode consultarse na páxina web de Apego (www.apego.gal) e na do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (www.naronengalego.gal), no apartado de actividades.

Lea también

La AECC instala en el CC Odeón de Narón un punto de inscripción para la XIII edición de ‘Ferrol en marcha contra o cancro’ 

La Plaza Redonda del Centro Comercial Odeón acoge este lunes y mañana un punto de …