Bardaos celebra as festas na honra de Santa María… e a celebración do 30º aniversario do San Pipote. Este venres, primeiro día da festa propiamente dito, haberá misa solemne a partir das 13:30 horas, de maneira que a sesión vermú posterior, coa orquestra Escaparate, comezará cerca das 14:30 horas. A formación musical repetirá pola noite -23:30 horas- xunto coa Fania Blanco Show.
Porén, antes de poñer a atención na noite, hai que atenderlle ás xa clásicas Olimpiadas Parroquiais que este ano se pasan ao venres ás 18:00 horas. Disciplinas ocorrentes e disparatadas que poñen a proba equilibrio, forza e outras habilidades no grande campeiro, libre de gando para a ocasión, situado ao pé da área recreativa.
O terceiro día de Santa María, o sábado, que se espera caloroso, iniciarase coas alboradas dun grupo de gaitas e percusión que virará durante o día por todos os lugares da parroquia ata que non quede ningún recuncho sen visitar.
A misa volverá ser ás 13:30h, seguida dunha potente traca de fogos e da sesión vermú co grupo Elebe 2.0. Pola tarde tocará relax e, pola noite, recta final de Santa María con Elebe 2.0 e Origen, ademais da irrupción dos bocois cheos de calimotxo da procesión do San Pipote, prevista para as 01:30 horas, na que Carlos Cobelo volverá arengar a audiencia desde o escenario co seu discurso totalmente desprovisto de filtros.
Máis festa en outubro
E o cuarto día, domingo, non haberá festa… aínda que a troula en Bardaos aínda nos depara unha xornada solta o día 16 de outubro. E é que ese venres tocará Orquestra Cinema, unha das que máis están petando neste verán, despois de que a comisión de festas ganase por votación popular a segunda edición do Xanela Fest. Bardaos presentouse ao concurso convocado por Xanela -empresa de comunicación e internet- en representación de San Sadurniño. O premio é unha actuación gratuíta da Cinema, situada nos primeiros postos das mellores orquestras de Galicia.
«As neves», este venres ás 21:00 horas ao aire libre en San Sadurniño
Trala proxección de «Sirat» no marco do Chanfaina lab a semana pasada, prosegue en San Sadurniño o ciclo de cine ao aire libre patrocinado por Cultura da Deputación da Coruña.
Este venres á noitiña -21:00 horas- proxectarase o filme «As neves», primeira longametraxe da realizadora Sonia Méndez. Un drama protagonizado por adolescentes que aproveita un suceso traumático para poñer o foco en como a rapazada enfronta esa situación. A proxección terá lugar na praza Ramón Díaz Raña. Se chovese trasladaríase á Casa da Cultura.
Os seguintes títulos aos que poderemos asistir nesta recta final do verán son «+Cuñados», de Luis Avilés, o venres 18, e o documental «Rapa. Xente ao monte», de Alejandro Enríquez, que se proxectará o venres 25 de setembro tamén ás 21:00 horas.
Porén, malia rematar o verán, o cine aínda continuará co Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración de Cultura da Deputación da Coruña. Trátase dun ciclo itinerante polas parroquias no que poderemos ver, durante outubro e novembro, títulos finalistas e ganadores da última edición dos premios do cine galego.
Así, o sábado 3 de outubro proxectarase na Casa da Cultura «San Simón», de Miguel Ángel Delgado; o 17 tocaralle a «Sirat», de Óliver Laxe, no local social de Ferreira; o 24 de outubro chegará a Naraío o documental «Ao son da nova regueifa», de Manolo Maseda e Saúl Rivas; o 31 proxectarase «Deuses de pedra», de Iván Castiñeiras, en Santa Mariña do Monte; o 7 de novembro o ciclo levará a Igrexafeita «Antes de nós», de Ángeles Huerta; o sábado 14 de novembro veremos «O silencio herdado», de Lucía Dapena, en Lamas e, pechando o ciclo de novo na Casa da Cultura o día 28 de novembro proxectarase «As liñas descontinuas», de Anxos Fazáns.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
