A actividade, promovida pola Área de Cultura da Universidade da Coruña (UDC), desenvolverase do 23 de setembro ao 16 de decembro na Aula Multiusos 1 do Centro Cultural Universitario. Terá unha duración de 30 horas e combinará interpretación, canto, expresión corporal e movemento escénico.

A Aula Multiusos 1 do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol acolle do 23 de setembro ao 16 de decembro, un obradoiro de teatro musical impulsado pola Área de Cultura da Universidade da Coruña (UDC). A actividade, de 30 horas de duración, terá lugar os mércores, de 19:00 a 21:00 horas, e concíbese como unha proposta formativa práctica e participativa para achegar as persoas participantes ao teatro musical dun xeito lúdico e accesible.
Ao longo das sesións traballarase de maneira integrada a interpretación, o canto, a expresión corporal e o movemento escénico, botando man de distintos xogos, de exercicios prácticos, así como de pequenas escenas e de números musicais. Entre os obxectivos da actividade figuran o desenvolvemento da expresión corporal, vocal e interpretativa, a mellora da coordinación entre interpretación, canto e movemento, e o fomento da confianza, a autoestima e a seguridade escénica.
O obradoiro estará impartido por dous profesionais da escola de música Rockschool Center, con ampla experiencia nos eidos das artes escénicas, a interpretación, o canto e a formación musical. O primeiro deles, Alex Rocha, é un profesional das artes escénicas que conta con máis de dez anos de formación na Escola de Teatro de Narón. Está especializado en teatro musical e creación colectiva. Ao longo da súa traxectoria como actor e director desenvolveu diversos proxectos teatrais, espectáculos musicais e propostas educativas, tanto con público infantil como adulto.
Pola súa banda, Irene Varela é titulada en Piano, está a cursar estudos de Canto Profesional e conta cunha ampla experiencia docente como profesora de canto, técnica vogal e solfexo. Ademais, desenvolveu parte da súa actividade como cantante solista e integrante de coros e entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) ou a Europa Chor Akademie.
O obradoiro está dirixido á toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A tarifa xeral é de 90 euros, mentres que o alumnado da UDC aboará 40 euros e o resto de persoas integrantes da comunidade universitaria, 70 euros.
As persoas en situación de desemprego ou con algún tipo de discapacidade poderán acceder a unha tarifa reducida de 45 euros. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 horas do xoves 17 de setembro.
Máis información enviando un correo electrónico a cultura.ferrol@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3697.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.