María de Pontragha protagoniza en Régoa, Cedeira «Cantos e Contos ao Solpor»

Continúan no mes de setembro os paseos culturais pola vila de Cedeira. O local veciñal de Régoa será o escenario da próxima función do ciclo Cantos e Contos ao Solpor, un programa con dez anos de traxectoria e que está xa asociado en Cedeira á despedida do verán e a chegada do outono.

A actuación será este sábado 12, a partir das 20.00 horas, e correrá a cargo de María de Pontragha. O espectáculo leva por título “Coa palabra na boca” e mistura historias e música tradicional contando da xente, do amor, da liverdade e da desobediencia.

María de Pontragha é o alcume de María Iglesias, educadora e antropóloga que cultiva a narración oral e a música desde hai anos, recuperando e actualizando historias populares e de tradición oral, especialmente aquelas que teñen que ver coas mulleres galegas. É tamén percusionista e vocalista en diferentes grupos musicais.

Por outra banda, continuan no mes de setembro o programa de paseos culturais guiados pola vila de Cedeira.

O Concello impulsa esta actividade, que desenvolve o guía Sergio Muiño e que ten cada verán unha excelente acollida. Mañá xoves, 10 de setembro, realizará o percorrido polos murais da localidade, a partir das 18.00 horas, e o vindeiro día 24 terá lugar a visita “Cedeira Mariñeira”, tamén ás 18.00 horas.

As persoas interesadas en participar deben reservar a través da web www.eufundevivo.com.

Púxose en marcha tamén, neste mes, o programa “Roteiros”, con saídas que se van desenvolver de setembro a outubro. Son rutas de sendeirismo guiadas e gratuítas, que contan co apoio do Concello de Cedeira.

Este xoves 10 desenvólvese unha, a Santo André de Teixido desde Veciñeira, e o sábado será a seguinte, a ruta da Pena Bailadora. A primeira é un percorrido de oito horas, de dificultade media, e a segunda será de catro horas. As persoas interesadas poden apuntarse ou informarse a través da Oficina de Turismo.

Lea también

San Sadurniño revalida a súa Bandeira Verde de Galicia

O alcalde, Secundino García Casal, recolleu esta semana o distintivo de mans da conselleira de …