O alcalde, Secundino García Casal, recolleu esta semana o distintivo de mans da conselleira de Medio ambiente, Ángeles Vázquez.
San Sadurniño manten un ano máis a Bandeira Verde de Galicia, o distintivo que concede a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para recoñecer o compromiso dos municipios coa sustentabilidade e as políticas ambientais. O alcalde, Secundino García Casal, recolleu a bandeira esta semana nun acto que se desenvolveu no pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra.
O concello figura entre os 39 municipios galegos distinguidos na convocatoria de 2026, á que se presentaron un total de 42 candidaturas. A renovación permite manter a insignia, que identifica o traballo das administracións locais en favor dun desenvolvemento máis respectuoso co medio ambiente.
A Bandeira Verde valora as políticas e actuacións municipais en distintos ámbitos relacionados coa protección ambiental e a sustentabilidade. Entre eles están a ordenación e planificación do territorio, a conservación da paisaxe e do patrimonio natural, a loita contra o abandono de terras e a prevención dos incendios forestais, así como a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e as iniciativas de sensibilización e educación ambiental.
A avaliación ten en conta tamén as características de cada municipio e establece uns mínimos que deben cumprirse para obter o distintivo.
No caso dos concellos de categoría 3, como San Sadurniño, as bases establecían que era necesario acreditar polo menos tres requisitos pertencentes a tres materias diferentes. O xurado tamén tivo en conta as características de cada municipio, como a superficie, a poboación ou o orzamento, para fixar os limiares mínimos que permiten optar ao recoñecemento.
Na documentación presentada, o Concello mostrou o cumprimento de polo menos 19 dos requisitos previstos na convocatoria, que lle valeron finalmente para revalidar sobradamente o distintivo.
Secundino García Casal, quen recolleu en Vedra a insignia, celebrou a obtención, un ano máis, da Bandeira Verde e destacou o valor deste recoñecemento para o traballo municipal: «Recibir a Bandeira Verde de Galicia é un recoñecemento ao traballo que se fai desde o Concello para coidar o territorio e os recursos naturais. A sustentabilidade constrúese coas decisións que tomamos cada día. Temos que seguir traballando nesa liña, pensando tamén nas xeracións que veñan detrás de nós».
Xunto con San Sadurniño, recibiron a Bandeira Verde de Galicia outros 38 concellos: Rairiz de Veiga, Sobrado, Cervo, Ares, Tomiño, Oímbra, O Porto do Son, Vilariño de Conso, Cerdido, Quintela de Leirado, Mos, Carballeda de Avia, Porqueira, Vedra, Frades, Carnota, Touro, Boiro, Silleda, Narón, Muros, Outeiro de Rei, San Xoán de Río, Parada de Sil, Larouco, Sanxenxo, O Porriño, Ordes, Ribeira, A Pobra do Brollón, Boimorto, Begonte, Vilasantar, A Laracha, Chantada, Vilar de Barrio, Muíños e Sober.
En total, a convocatoria recibiu 42 candidaturas, das que 39 cumpriron os requisitos establecidos.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
