Entregado o premio » Ricardo Carvalho Calero» de investigación lingüística

alcalde-premio carvalho calero-24-1-13O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu onte a entrega do XIX Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación lingüística, que recaeu no doutor en dereito e Filosofía, Luís García Soto polo seu traballo “O labirinto da saudade”. O acto institucional tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, e ao mesmo asistiron, ademais do primeiro edil da cidade e o propio galardoado, o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado; a presidenta da Asociación Cultural Medulio, Elia Rico -entidade que organiza o certame xunto coa Administración local-; e representantes dos grupos municipais.

Importancia do certame

Na súa intervención, Rey Varela subliñou, en primeiro lugar, a importancia dun certame que “vai camiño de cumprir as súas vodas de prata”. Sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero, de quen lembrou que é Fillo Predilecto de Ferrol dende o ano 1990 e Fillo Ilustre de Galicia dende 1996, o rexedor fixo mención “a súa defensa da nosa terra e da cultura galega”. Así mesmo, o alcalde aproveitou a entrega deste premio para sinalar que “a unión de esforzos do Concello de Ferrol e das entidades culturais da cidade permitirán darlle, entre todos, a proxección que merece a figura de Ricardo Carvalho Carelo”; e ao fío disto, engadiu que “co tesón e esforzo de todos conseguiremos que a Real Academia Galega tome en consideración a este ferrolán para dedicarlle o Día das Letras Galegas”. 

O mesmo desexo do alcalde sobre o recoñecemento de Carvalho Calero por parte da Real Academia Galega manifestouno no seu discurso a presidenta da Asociación Medulio, Elia Rico. A responsable da entidade cultural fixo fincapé, ademais, no prestixio que ten este certame literario, afirmando que o feito de que o nome deste ilustre escritor e filólogo vaia ligado ao do Concello de Ferrol a través destes premios “é un signo de liberdade e cultura”. 

Galardoado

Pola súa banda,  o premiado, Luís García Soto, declarou a súa “dobre satisfacción” ao recibir un galardón que leva o nome de quen foi o seu mestre e do Concello de Ferrol. “Recompensa ver o meu nome unido ao do prestixioso  profesor e ao do Concello de Ferrol, institución que forma parte da historia e xeografía galega e universal, e que ven sendo como o selo de calidade do certame”, dixo. No que atinxe ao traballo gañador, García Soto sinalou que “O labirinto da saudade” “é un percorrido do que outros dixeron e fixeron sobre a saudade, no pensamento, a arte, a pintura e a escultura de Galicia e Portugal”. “Desexo que este traballo serva para o enriquecemento mutuo de portugueses e galegos”.

 

Xunto co premio de investigación lingüística a García Soto por “O labirinto da saudade”, a XIX edición do Ricardo Carvalho Calero tamén decidiu conceder un accésit nesta modalidade a Xosé Díaz Díaz, mestre de ensino secundario e escritor, pola obra “Dos arquivos xeométricos de Rafael Dieste. A xeometría como experiencia da realidade”. O xurado do certame acordou deixar deserto o premio na modalidade de creación literaria.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …