Narón repavimenta o circuito de radiocontrol e karts de Río do Pozo

Investiranse preto de 33.000 euros en renovar por completo o firme dunha instalación deportiva de referencia para os afeccionados aos deportes do motor.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, visitando as obras do circuito | Concello de Narón

O Concello de Narón, a través do Padroado de Deportes, está a acometer a repavimentación integral do circuito de radiocontrol e karts situado no polígono industrial Río do Pozo.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, visitaron na mañá deste venres as obras do circuito, que contan cun orzamento de 32.997,68 euros e un prazo de execución de dous meses. A actuación permitirá poñer a punto a pista despois de case dúas décadas de uso ininterrompido.

Inaugurada en 2009, a instalación naceu para dar resposta á demanda dos afeccionados e clubs destes deportes de motor. Ao longo dos anos ampliou o seu uso máis alá do radiocontrol e o karting, acollendo tamén sesións de educación viaria impartidas pola Policía Local.

Ademais de renovar por completo o pavimento, os traballos inclúen a demolición dos bordillos remontables interiores, a retirada da moqueta de céspede das illas centrais e a limpeza total da superficie, que abrangue 2.548 metros cadrados. A actuación aproveitarase, así mesmo, para redeseñar o trazado do circuito.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, visitando as obras do circuito | Concello de Narón

Santalla destacou que este investimento «responde ao compromiso do goberno local coa mellora continua das instalacións deportivas municipais» e sinalou que o circuito de Río do Pozo «merece esta posta ao día para seguir prestando servizo en condicións óptimas».

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …