A convocatoria desenvolverase ao longo de catro xornadas no local social da Picota.
O Concello de Narón colabora un ano máis coa Asociación de Veciños do Couto no ciclo Tempo de Música, que este ano celebra a súa trixésimo terceira edición e que se iniciará este sábado ás 18:00 horas no local social da Picota, na parroquia do Couto.
A primeira das actuacións correrá a cargo da Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira, de Narón. As restantes propostas musicais deste ciclo, que rematará o 6 de decembro, levaranse a cabo os domingos. A convocatoria conta coa colaboración da Rede Cultural, da administración provincial e da Federación de Corais de Galicia (Fecoga).
O vindeiro 15 de novembro subiranse ao escenario os integrantes da coral polifónica Agarimo (Sillobre, Fene) e o Tradicoro, da asociación Airiños de Fene.
Na xornada do 22 de novembro será o turno da agrupación coral Endesa, das Pontes, e da coral Alecrín, de Brión (Ferrol). Pechará o ciclo o 6 de decembro a actuación que protagonizarán o grupo de acordeóns Os do Xesteira, de Narón e a coral Amistad, da asociación de veciños do Couto, impulsora desta convocatoria.
O ciclo Tempo de Música do Couto é unha das propostas máis asentadas no ámbito cultural da cidade. A entidade veciñal da citada parroquia traballa dende hai moitos anos para manter viva esta convocatoria, con entrada de balde.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


