A iniciativa, financiada a través do GALP A Mariña-Ortegal, combina formación especializada e accións de sensibilización para reforzar o futuro do sector pesqueiro local.

A Confraría de Pescadores de Cedeira celebrará o vindeiro venres 7 de agosto, ás 11:00 horas, na súa sala de xuntas, a xornada de presentación do proxecto “Tecendo Futuro: Profesionalización do sector e rexeneración do mar de Cedeira”, unha iniciativa dirixida a fortalecer a resiliencia do sector pesqueiro local mediante a formación, a conservación do patrimonio mariñeiro e a sensibilización ambiental.
A iniciativa busca ofrecer unha alternativa profesional mediante a posta en marcha dun curso de mantemento e reparación de artes de pesca, cunha duración de 300 horas, no que as participantes adquirirán os coñecementos necesarios para confeccionar e reparar redes destinadas ás diferentes modalidades pesqueiras da frota de Cedeira.
A formación pretende favorecer a polivalencia profesional das mulleres do mar, contribuíndo á súa estabilidade económica durante os períodos de rexeneración dos recursos e dando resposta, ao mesmo tempo, á necesidade existente de profesionais especializadas no oficio de redeira, imprescindible para que a frota poida desenvolver a súa actividade con normalidade.
Xunto á acción formativa, o proxecto incorpora unha campaña de comunicación e educación ambiental baseada na elaboración de microvídeos e infografías divulgativas que abordarán cuestións como a rexeneración dos areais, a conservación do medio mariño, a redución do lixo mariño, o consumo responsable de produtos pesqueiros, o traballo das mariscadoras e redeiras e a importancia do papel das mulleres no sector marítimo-pesqueiro.

A xornada de presentación permitirá dar a coñecer os obxectivos do proxecto, explicar o desenvolvemento da formación e compartir un espazo de diálogo co sector. No acto participarán representantes da Confraría de Pescadores de Cedeira, da Federación Galega de Redeiras, do GALP A Mariña-Ortegal e da Consellería do Mar.
A sesión rematará cunha degustación de produto mariñeiro, concibida como un momento de encontro e de posta en valor da riqueza gastronómica e pesqueira do territorio.
A Confraría de Pescadores de Cedeira convida a asistir á presentación a profesionais do sector, confrarías, entidades vinculadas ao mar, administracións públicas e a todas aquelas persoas interesadas en coñecer unha iniciativa que aposta pola formación, pola diversificación profesional e polo futuro sostible das xentes do mar.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.