Esta colaboración enmárcase no contexto actual de declaración de Emerxencia de Interese Nacional realizada polo Goberno de España.

Galicia mobilizará máis de 60 profesionais do seu Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF), así como medios materiais aéreos e terrestres, para prestar apoio nos labores de extinción dos lumes que afectan neste intre varias provincias españolas, en concreto nas comunidades de Madrid e Castela e León. Esta cooperación enmárcase no contexto actual de declaración de Emerxencia de Interese Nacional realizada polo Goberno de España.
Así, este pasado xoves despregouse en León un grupo de 14 profesionais, 1 bulldozer e 1 motobomba, e onte venres reforzouse cun helicóptero, 1 brigada e 2 axentes. Pola súa parte, Madrid e Ávila recibirán 2 helicópteros, 6 brigadas, 4 axentes, 2 técnicos, 1 bulldozer, 1 posto de mando, coa posibilidade de mobilizar a medio cento de persoas.
Deste xeito, e diante de situacións complexas como as que están vivir noutras partes de España, Galicia amosa unha vez máis a súa solidariedade, sempre garantido o correcto funcionamento do operativo galego contra os lumes, que se mantén en garda, tal e como corresponde á tempada de alto risco de incendios na que nos atopamos actualmente.
Cómpre lembrar, neste sentido, que grupos de profesionais galegos téñense desprazado anteriormente en diversas ocasións a varios territorios de España e tamén a Portugal (como ocorreu no ano 2017) para colaborar nas tarefas de extinción dos incendios forestais.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.