O Concello de Valdoviño inicia o proceso de contratación dunha persoa auxiliar de biblioteca que prestará apoio ao persoal bibliotecario nas funcións de carácter técnico, velando polo cumprimento das normas de uso do centro lector e colaborando, entre outras funcións, no mantemento do fondo bibliográfico e documental.
A duración do contrato será de catro meses, a xornada parcial (75% da xornada), e cofinanciarase cunha achega concedida pola Deputación da Coruña no marco do PEL Concellos 2026.
O procedemento de selección será por concurso-oposición, e o Concello presentará a correspondente oferta de emprego ante a Oficina de Emprego de Ferrol facendo referencia aos requisitos que debe reunir o/a traballador/a (persoa desempregada en situación de exclusión), e será o Servizo Público de Emprego o que remita á Administración local a relación de candidaturas, priorizando aquelas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, e se é o caso, aquelas que teñan previsto a realización deste tipo de iniciativas no seu itinerario de inserción profesional.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria e as bases.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
