O Campus Industrial de Ferrol acolle unha nova edición do Curso Carlos Gurméndez centrada na identidade e na gobernanza de Galicia

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz; e as directoras do curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, inauguraron, a primeira hora da mañá deste mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a XXVII edición deste curso de
pensamento e comunicación titulado “Galicia, identidade e gobernanza no mundo actual”.

Ao comezo da súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, quixo recoñecer o labor realizado polo Club de Prensa, entidade impulsora desta iniciativa, a prol do xornalismo e das
persoas que exercen esta profesión. Ao seu xuízo, unha das grandes virtudes do Curso Carlos Gurméndez é, precisamente, a de crear, durante tres días, “un espazo de reflexión colectiva, pausada e profunda”, converténdose unha vez máis “nun punto de encontro entre a universidade e a sociedade, entre o coñecemento e a divulgación e entre a reflexión académica e o debate público”.
Algo que, tal e como ela mesma sinalou, conecta directamente co espírito do Campus Industrial de Ferrol e dunha universidade pública, “coa misión de formar persoas críticas, responsables e comprometidas coa sociedade da que
forman parte”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, lembrou a figura de Carlos Gurméndez destacando o seu perfil profesional, “caracterizado pola unha habilidade innata para xulgar o pasado e o presente”, así como súa calidade humana.

Na súa quenda de intervención, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, explicou que logo de analizar os desafíos da globalización, a nova orde mundial e os retos das migracións, “era totalmente necesario volver a Galicia para falarmos da súa identidade e da súa gobernanza”. Do mesmo xeito, a codirectora e catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, lembrou a primeira edición deste curso, coa localidade de Pontedeume como escenario, e presentou esta edición como unha homenaxe a Luis Mera, falecido en 2015.

Para rematar, a codirectora do Curso Carlos Gurméndez e profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, fixo referencia á “ilustre ferrolá” que dá nome ao Salón de Actos do campus, Concepción Arenal,quen nos ensinou que a verdadeira xestión pública non se basea na frialdade do castigo nin no control, senón na xustiza social”. Ao lembrar unha das máximas desta escritora e activista, “abride as escolas e pecharanse os cárceres”, a docente da Universidade da Coruña (UDC) subliñou que Concepción Arenal non só reclamaba unha reforma penitenciaria, “senón que estaba a ditar unha lección maxistral sobre gobernanza humana, a mellor política é sempre a que integra, a que educa e a que coida das persoas”.

Unha proposta formativa e divulgativa con destacadas figuras do ámbito académico, cultural e institucional galego

O Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez deu comezo, ás 10:30 horas, coa conferencia do exreitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e expresidente do Consello da Cultura Galega (CCG),
Ramón Villares, titulada “Galicia non se entende sen América”. Ás 12:00 horas interveu do presidente da Real Academia Galega (RAG) e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Henrique Monteagudo, quen pronunciou o relatorio “Cultura, lingua e identidade. Os retos de futuro da lingua galega”.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, tomou a palabra o director da Fundación Juana de Vega e profesor do Departamento de Empresa, Economía Financieira e Contabilidade da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Andrade, quen pronunciou a conferencia “A Galicia rural: identidade, territorio e gobernanza nun país en transformación”.

Ás 17:30 horas foi a quenda do director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Christoph Schreinmoser, co relatorio “Galicia no mundo: acción exterior, desafíos e oportunidades”.

Este xoves

Na xornada do xoves 2 de xullo, ás 10:00 horas, intervirá a escritora e profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), Pilar García Negro, coa conferencia “Unha literatura excelsa no contexto dunha
lingua sen normalidade”. Ás 11:00 horas, falará o expresidente da Xunta de Galicia e catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña(UDC), Fernando González Laxe, quen pronunciará o relatorio “Condutas, racionalidade, lóxicas e conflitos no sector pesqueiro-marisqueiro”.
A última conferencia da mañá, centrada nas “vidas paralelas” de Óliver Laxe e Lois Patiño, terá lugar ás 12:30 horas da man do filósofo e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Alberto Sucasas. A partir das 16:30 horas, o programa inclúe o relatorio do dramaturgo e artista plástico
Francisco Oti, titulado “Teatro e identidade no espazo político e social de Galiza”, así como unha actuación musical a cargo de Xoán Rubia e María Manuela.

Para rematar, o venres 3 de xullo, a partir das 10:00 horas, intervirán a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, quen falarán sobre o imaxinario popular galego e as especificidades do dereito galego, respectivamente.

Lea también

El Campus Industrial de Ferrol amplía su oferta formativa con un máster interuniversitario en Vehículos Autónomos único en el noroeste peninsular

La Escuela Politécnica de Ingeniería de Ferrol (EPEF) acogerá, la partir del mes de septiembre, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *