A alcaldesa de Narón entrega os diplomas de dous cursos do Programa municipal de Formación

Marián Ferreiro e a concelleira Natalia Hermida recoñecen a preto de 40 persoas formadas en prevención de riscos laborais e manexo de maquinaria elevadora.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Formación, Natalia Hermida, entregaron este martes xunto ao coordinador do centro Irmás Froilaz, Ángel Martínez, os diplomas correspondentes a dúas accións formativas «transversais» enmarcadas no Programa municipal de Formación 2026, correspondentes aos primeiros cursos executados dentro desta iniciativa.

A primeira das formacións recoñecidas é o itinerario completo de Prevención de Riscos Laborais, un curso homologado de 92 horas que incluíu 60 horas de PRL xeral con módulos específicos de 8 horas cada un en PRL no sector naval, Medio Ambiente no sector naval, PRL en traballos en altura e PRL en espazos confinados.

O curso, que contaba con 20 prazas, desenvolveuse entre o 7 de abril e o 5 de maio. Finalizárono con dereito a diploma un total de 19 persoas, 9 mulleres e 10 homes, aos que se lles fixo entrega de catro diplomas diferenciados por cada un dos bloques formativos.

A segunda formación recoñecida correspóndese coas dúas edicións do curso de Operador/a de carretillas elevadoras e plataformas elevadoras-PEMP, con certificación UNE.

A primeira edición desenvolveuse do 11 ao 26 de maio e a segunda do 27 de maio ao 10 de xuño, con 10 prazas cada unha. O alumnado, formado por 9 mulleres e 11 homes, recibiu un diploma propio de AENOR de 20 horas en carretillas elevadoras, outro de AENOR de 15 horas en plataformas elevadoras, e un terceiro diploma conxunto do Concello de Narón de 50 horas, ata completar os 20 diplomas.

Durante o acto, a alcaldesa, Marián Ferreiro, puido comprobar o alto nivel de satisfacción xeral cos cursos por parte do alumnado e destacou que «estas formacións responden a unha demanda real do noso tecido produtivo e permiten que a veciñanza de Narón acceda a unha cualificación que mellora directamente as súas oportunidades de emprego»

Pola súa banda, a concelleira de Formación, Natalia Hermida, salientou que «a boa acollida destas formacións confirma que imos polo bo camino con esta aposta municipal” e avanzou que este ano impartiranse en Narón un total de 18 cursos con 255 prazas dispoñibles.

Lea también

Narón garda un minuto de silencio polas vítimas dos terremotos de Venezuela

O Concello sumouse este luns á convocatoria da FEMP ás 12.00 horas.     O …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *